Galicia. Una nación entre dos mundos.

Rubén de la Fuente Seoane

No Estado español leva existindo o “problema” territorial dende a súa práctica existencia. Este conflicto é o resultado de conformala administración territorial do estado a partiren das estructuras pretéritas dos reinos que o conforman, baixo unha política descentralizadora, e posteriormente importar o modelo centralizador francés. Cando se fala deste tema en contextos máis informais, téndese a establecer unha escala de valorizacións subxectivas sobre cales son os territorios ós que lles corresponde, con máis ou menos lexitimidade, situarse como unha máis das nacionalidades peninsulares que reivindican o seu dereito a existiren tal e como queran as súas integrantes.

Esta valorización obedece a moitas razóns (a primeira é que é a propia Constitución Española a que nos impón unha escala de pobos dentro do marco do propio Estado, ó crear a etiqueta “nacionalidades históricas”) mais no caso galego, (infravalorado en comparación as súas equivalencias peninsulares -Catalunya e mais Euskadi- en canto a desenvolvemento de proxecto político alternativo) obedece a razóns de tipo sociohistórico bastante propias e, de xeito xeral, bastante identificables. Por unha beira, teriamos a ausencia dunha elite dirixente de tipo secular e ligada ao éxito económico do país (ou sexa, coa súa supervivencia como clase privilexiada vencellada ó territorio) que evolucionase cara unha deriva rexionalista ou semellante, unha “capital” que centralizase a totalidade dos movementos políticos do territorio e finalmente, un auto-recoñecemento da diferencia que conformamos na Galiza ó respecto do resto do Estado.

O dereito á autodeterminación é un dereito universal ó que teñen acceso tódolos pobos. Non importa o “éxito” que tiveron as súas elites intelectuais na xénese do discurso histórico e na posibilidade de que a poboación o fixera seu. Non necesitamos un “pasado glorioso” para decidir plasmar unha realidade social da que hoxe formamos parte. No noso contexto actual, estes parámetros de éxito e fracaso son o medio para medir correlacións con sociedades pasadas das que varias nacións e estados mundiais queren considerarse herdeiros. Independentemente de que a realidade nacional actual sexa de derrota, de vitoria, de imperialismo ou de represión, estas historias úsanse coa intención de “conectar” con sintonías e aspectos máis metafísicos, mais ó mesmo tempo compoñen o relato sobre o que se constrúe todo o aspecto da identidade popular ou nacional e como nos vemos a nós mesmos e como nos ven “os demais”.

Precisamente, é aquí onde quere chegar Ramón Villares Paz, a desenvolver cales foron as estratexias que se estableceron na Galiza para pensar e mais construír o noso pasado -e en que feitos históricos se basearon para se poder interpretar- procurando de erixir un futuro diferente ó presente no que vivían as elites -intelectuais- máis responsables destes discursos de cimentación histórica.

O libro comeza colocando as bases do que despois serviranos para entender tódalas referencias da xénese dos relatos históricos, realizando unha minuciosa desintegración da propia ontoloxía histórico-sociolóxica galega, as estruturas máis social-comunitarias do sur contra os desenvolvementos máis “individualistas” do norte en aspectos que van dende a tenencia da terra ata a xestión do territorio. É, se cadra, no aspecto demográfico onde seguimos a ver unha das nosas características máis intrínsecas coma pobo, e é que a ausencia dun centro urbano reitor do territorio galego -ou dito doutro xeito, o “policentrismo” das urbes galegas- segue a ser un aspecto real do noso territorio na época contemporánea. Esta característica provén da definición histórica da Galiza como unha “cidade extensa” onde se combinan aglomeracións urbanas con pobos e aldeas, herdeira toda aquela situación da xestión da administración eclesiástica do territorio, que non tivo ningún tipo de oposición secular na Galiza despois da independencia do reino de Portugal, e que fomentou a “ruralización” do territorio e a dispersión do poboamento, fundando mosteiros ó longo do país que se converteron en centros reitores das parroquias e comarcas.

É neste contexto cando xorde a fidalguía galega. Esta “nova” clase social non a podemos confundir coa hidalguía castelá (nobres caídos en desgraza ou sen título), xa que a fidalguía galega son terratenentes que ocupan o espazo deixado pola alta nobreza secular. Como dicía, a aparición desta nova clase social non comporta o xurdimento dunha clase secular reitora do panorama político do país, dado que queda totalmente eclipsada polo rol da igrexa. O depósito real da sociedade e a historia galega foron os labregos, sostendo durante séculos unha lingua e unha cosmovisión do mundo que aínda hoxe en dia inflúe á nosa percepción da realidade. É a partir da loita pola propiedade e mais da defensa da terra do colectivismo e da solidariedade rural como estes labregos foron quen de converterse en protagonistas históricos da Galiza. Tirando deste fío, non deixa de ser paradoxal que Galiza nunca foi tan rural e agraria como na primeira metade do mesmo século -s. XX- que viu nacer o proceso que chegaría a facernos falar da Galiza menos rural e agraria da súa historia -segunda metade do s. XX-. Volvendo á Galiza popular, este é un tema moi interesante e que atopo que se debería de incidir máis nel no libro, xa que aínda que se centra bastante en aspectos máis de xestión das propiedades e en conflitos legais (Galiza coma país de “pleitos” pola terra, movemento de marcos, etc.) non acaba de quedar claro de todo como é que a xente reubicou a súa existencia obxectiva cos condicionantes ideolóxicos que se ían xerando co paso do tempo. Que opinaba o rural de Madrid? Era o mesmo para eles alguén de Madrid que da Coruña? Sentíanse máis pretos dos seus iguais lusos? Sentían máis proximidade coa xente da meseta? Como se contextualizaba todo este volkgeist coa xénese dos discursos das elites intelectuais?

“As Torres do Allo” s. XVI. Paradigma das vivendas rurais da fidalguía. Fonte: https://torresdoallo.gal/

A segunda parte do libro trata sobre os mitos, as historias, a historia e a ubicación desta nas diversas correntes intelectuais que corrían pola Europa do s. XIX e XX. Iso é o que fixo Manuel Murguía co seu esforzo de xerar o referente do celtismo coma unha versión galega da alta cultura europea. O celtismo foi o primeiro referente nacional da Galiza, dada a súa forza inclusiva cos países do “panceltismo” e a súa forza excluínte ao mostrar a súa superioridade racial ligada ao grupo étnico ario, en contraposición do semítico castelán e do mediterráneo, que eran os máis comúns no estado español. Ata este momento, a posición ideolóxica de Galiza estaba ubicada en mostrar o seu rol de grande participación na xénese da monarquía española e da súa constitución como nación-estado. Non deixa de ser curioso ver como esta derradeira foi a estratexia do partido conservador Alianza Popular, dado o baleiro político que deixou o galeguismo cultural na década dos 80. Polo que fai á xénese dos discursos nacionais de tipo histórico, tamén temos a construción do medievalismo, levada a termo maioritariamente polo escritor Benito Vicetto, centrando esta na traizón do arcebispo Xelmírez ao permitir -e provocar- a escisión da parte sur do reino de Galicia-Portugal.

Outro recurso do medievalismo galeguista foi a reivindicación da figura do Mariscal Pardo de Cela, axustizado polos Reis Católicos no que algúns autores vindicaron coma “a primeira guerra de independencia galega”, centrándose sobre todo, en xerar a ligazón entre a súa figura e o galeguismo de xeito máis político, sobre todo aquel das bandas máis radicais. Esta parte é especialmente interesante dado que (e o propio autor xa o comenta) actualmente vivimos nun momento de expansión sociolóxica do celtismo, curiosamente no momento no que cada vez máis, a arqueoloxía pon enriba da mesa a reivindicación da cultura propia castrexa versus a herdanza céltica do nacionalismo do s. XIX. Debates sobre culturas arqueolóxicas que non interesan moito ó desenrolo do libro, mais que esta ben telos en conta para axudarnos a manter unha postura máis critica sobre o que o libro tenta de transmitirnos no tocante á xénese dos discursos.

“Ponte do Pasatempo” en Mondoñedo, onde conta a historia que entretiveron á dona do Mariscal Pardo de Cela, que levaba con ela o indulto co que detería a súa execución. Fonte: https://turismo.gal

A terceira e derradeira parte do libro trata sobre a emigración. Di o autor que a emigración americana fixo da Galiza unha terra transcontinental, pendurada entre dúas parroquias, a de aquí e a de alá. É curioso ver que mentres noutras nacionalidades coma Euskadi ou Catalunya veuse a necesidade de reforzala propia identidade a partir da marcha da poboación emigrante, na Galiza esta toma de conciencia realízase á inversa, xa que é o choque do emigrante coa poboación de destino o que marca a grande diferencia. A percepción da diferencia é unha arma decisiva para a construción da identidade (fóra de discursos e percepcións racistas sobre esta diferencia). Os fluxos migratorios galegos significaron o 4% do total europeo, superando, e por moito, a cantidade de emigrantes doutros países europeos con estado. Dado o seu peso específico e a súa diferencia etno-cultural co resto de emigrantes españois, estas migracións foron percibidas de xeito diferencial, de aquí a ben sabida por todos, costume de identificar a tódolos emigrantes do estado español no continente americano co xentilicio “galego”.

A migración galega foi unha migración masiva e modesta que creou poucos referentes de indianos ricos e filántropos, pero que, polo contrario, foi absolutamente solidaria cos familiares e veciños que non emigraran. Esta derradeira parte do libro expón todos estes feitos baixo o paraugas de tres exemplos ben diferenciados, a emigración galega en Bos Aires, A Habana e São Paulo. Analizando as situacións a través dos ollos dos emigrantes e da súa situación pero sen esquecer tamén as liñas de forza dos países de acollida, entre asimilacionistas ou multiculturais, onde tamén xerminaron correntes intelectuais e políticas diante da chegada masiva de emigrantes.

Para finalizar, comentar que o libro, froito non só dun laborioso traballo de recompilación de datos, se non tamén de toda unha vida dedicada ó estudo da historia de Galicia, axunta, de xeito moi complexo no desenvolvemento ao tempo que sinxelo de ler e mais de entender, non só as vicisitudes polas que o nacionalismo galego transitou dende o comezo do seu período de construción no s. XIX, se non tamén os feitos históricos, correntes intelectuais e intencións políticas que se levaron a termo con anterioridade.

Falabamos ao inicio desta recensión que o autor expoñía unha serie de circunstancias que nos alonxaron, á Galiza, da construción do nacionalismo identitario ó xeito vasco ou catalán. Non digo (nin penso) que o autor estea de acordo con todo o exposto no libro no sentido de que se limita a presentar a evolución que sufriu a autodeterminación do pobo galego a través dos feitos históricos, construcións de discursos políticos e autoreferencias sociolóxicas. O problema que lle vexo é que neste libro componse un panorama un chisco dirixido. É dicir. Acabamos falando sempre de intelectuais que xeran discursos (é certo, iso foi o que aconteceu), elites que os fan seus (tamén pasou) e de xente do outro bando que tenda desfacer o feito reinterpretando estes discursos. De tódolos xeitos, atopo a faltar cousas que se suxiren ó inicio do libro (e sobre todo cando se fala de fidalguía) e se presentan de xeito moi interesante e non só de como o pobo estruturou estes discursos en canto a súa asimilación (niso entra un chisco no apartado da emigración) senón tamén de como a poboación remata xerando discursos no seu propio “facer” social.

Paréceme especialmente interesante en tanto a que desmitifica en grande maneira (querendo ou sen querer) a necesidade que se ten dende as elites nacionais de xerar discursos de mitificación diso “propio”. É un aspecto do estudo histórico que a min seméllame fundamental e que dende a arqueoloxía (pola parte que me toca) reflexionouse de xeito moi recente (década dos 80) e unicamente dende certos ámbitos do espectro ideolóxico (a arqueoloxía marxista e postmoderna) pero no que se ten que incidir moito máis.

Obviando esta pequena opinión miña, sen dúbida o libro é un recopilatorio moi ambicioso non tanto no que fai ó contido, se non na propia exposición do mesmo, pensada para poder se transmitir a xente que non ten que ser, necesariamente, docta no tema. Unha boa obra de divulgación pero que non deixa de conteren unha grande parte de ensaio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *