A resistencia antifranquista en Galicia: unha aproximación histórica

Manuel Lago Berdeal

En xullo do 36 foron moitos os galegos que decidiron “botarse aos montes” co fin de fuxir da brutal represión que o Golpe de Estado desencadeara. Estes “fuxidos” foron os que, pouco a pouco, comezaron a conformar grupos estables de resistencia en diferentes zonas do Estado; malia isto, nun primeiro momento, a resistencia antifranquista non foi unha guerrilla propiamente dita. Nos primeiros compases, que poderiamos considerar como a fase dos “fuxidos”, as actuacións prodúcense de xeito individual; ademais, as conexións entre os diferentes grupos e zonas de resistencia apenas existen, ao que hai que sumar unha ausencia de accións de carácter político ou de dirixir accións violentas contra persoas vinculadas ao réxime. Esta situación muda cando a guerra torna favorable para os sublevados.

Os golpistas amosaron un gran interese en deter a estes fuxidos xerando, como afirma H. Heine, unha certa “élite de sobreviventes”, de tal xeito que, dos centos que poboaron os montes durante os tres anos de guerra, en 1939 só quedaban aqueles que se mostraran máis astutos e valentes. Con todo, e pese a ter xa unha experiencia acumulada, a maior parte destes fuxidos non dispoñían de armas, pola que a súa actividade seguía a ter un carácter pasivo.

De esquerda a dereita: os guerrilleiros antifranquistas José Neira Fernández, Luís Trigo Chao “Gardarríos” e Leonardo Gómez “Trancas“. Fonte: https://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.7437.php

Coa fin da Guerra Civil e o comezo da II Guerra Mundial, esta “élite de sobreviventes”, que de ningún xeito se podía reintegrar na sociedade civil dentro da Ditadura, comezou a tecer os primeiros grupos de resistencia organizados. Neste contexto xurdiría a primeira organización armada da posguerra, coñecida como Federación de Guerrilla de León-Galicia, cuxa creación oficial prodúcese en abril de 1942. Esta medraría até chegar a controlar as tres Agrupacións Guerrilleiras: a primeira, con influencia na comarca do Bierzo; a segunda levaba as actuacións na provincia de Ourense; e a terceira con influencia nas provincias de Lugo e A Coruña. O obxectivo principal desta Federación era organizarse, adoptando unha estratexia de resistencia pasiva até que unha hipotética invasión aliada do territorio español no futuro provocara a caída do Réxime.

Con todo, esta resistencia pasiva chocaba coas directrices que o Partido Comunista de España (PCE) enviaba dende o exilio. A partir do ano 1944, o PCE tratou de revitalizar a loita armada en chan español enviando cadros procedentes do exterior para que reactivasen as estruturas do partido e así controlar a expansión dos grupos guerrilleiros, converténdoos no brazo armado do Partido.

Exemplar de El Guerrillero extraído da causa nº 429-28. 18 de abril de 1948. Archivo Intermedio Militar Noroeste (AIMNOR), Ferrol.

No ano 1943 propuxéronse unha serie de sucesos bélicos que afectaban o rumbo da II GM: a batalla de Stalingrado, o avance aliado no norte de África e o reforzamento dos movementos de resistencia en Francia, Iugoslavia e outros países ocupados polos nazis. Isto tivo tamén a súa repercusión nos montes galegos, servindo como estímulo para continuar e mesmo intensificar a loita armada. Ademais, estas accións armadas servían como elemento de propaganda para obrigar aos Aliados a intervir en España. No 1945, a Federación comezou a mostrar os primeiros síntomas de decadencia, pois a non intervención aliada provocou un gran desánimo entre os guerrilleiros. A isto había que sumarlle que os comunistas seguían a tratar de liderar grupos guerrilleiros e, no V Congreso da Federación, celebrado en marzo de 1945, evitouse a fractura comunista pola integración dun comunista no Estado Maior da Federación.

Os comunistas, ao non poder controlar a organización da Federación, decidiron rachala. No VI Congreso da Federación tratou de evitar isto e, pese a ter chegado a un acordo para manter a unidade, a intervención da Garda Civil provocou varios enfrontamentos que se saldaron coa morte de Francisco Elvira e Arcadio Rios, entre outros. Ambos eran comunistas partidarios da unidade e a súa morte supuxo a consumación da ruptura, polo que os comunistas se separaron da Federación en agosto de 1946. En xaneiro do ano seguinte, o líder da Federación, Marcelino Fernández Villanueva o “Gafas”, tratou de buscar unha última solución ao contencioso comunista sen atopala. Dado os seus problemas de saúde decidiu marchar ao exilio, o que supuxo a fin da Federación.

Marcelino González, "O Gafas". Fonte: Fundación Pablo Iglesias
Marcelino González, “O Gafas”. Fonte: Fundación Pablo Iglesias

Tras esta ruptura crearíase a IV Agrupación na provincia da Coruña e, xa baixo o nome de “Exército Guerrilleiro de Galicia”, a resistencia armada deu un paso cara adiante. Os anos comprendidos entre o 1946 e o 1948 foron os máis activos na loita armada; non obstante, foron tamén os anos de maior represión por parte das autoridades franquistas. En xullo de 1948 caeu o Comité Rexional de Galicia  e, a partir de entón, a loita armada comezou un declive que provocará a súa desaparición na década dos 50. A finais de 1949, a guerrilla galega limitábase aos restos da IV Agrupación e A Coruña era considerada como o último bastión guerrilleiro en Galicia. O 29 de outubro dese ano, un grupo de guerrilleiros caeu a mans da Garda Civil tras un enfrontamento armado. A partires dese momento, a IV Agrupación deixou de existir como factor efectivo e palpable da loita antifranquista, aínda que non desapareceu como entidade político-militar do Partido Comunista. Por esas mesmas datas chegou a Galicia, enviado dende Francia, José Sevil, o novo responsable do Comité Rexional. Sevil aplicou os acordos ca dirección do PCE tiña tomados no mes de outubro de 1948. Estes acordos ían encamiñados, basicamente, ao abandono da loita armada.

Bibliografía

HEINE, H. (1982), A guerrilla antifranquista en Galicia. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

RODRÍGUEZ GUTÍERREZ, A. (2012a), “El origen de la guerrilla antifranquista. La Federación de guerrillas de León-Galicia y las Agrupaciones guerrilleras. 1941-1945.”. En No es país para jóvenes, pp. 1-15.

RODRÍGUEZ GUTÍERREZ, A. (2012b), “El estudio de la Resistencia armada franquista. Problemáticas de 35 años de investigaciones”. En Jornadas Doctorales de Historia Contemporánea UCM- UAM, pp. 1-10.

RODRÍGUEZ GUTÍERREZ, A. (2015), “Auxiliando á resistencia: orixe e formas de apoio á loita armada antifranquista na sociedade galega de posguerra: a guerrilla do chao a través da xustiza militar”. En Murguía: revista galega de historia, Nº31, pp. 75-87.

SERRANO FERNÁNDEZ, S. (2001), Maquis. Historia de la guerrilla antifranquista. Madrid: Temas de Hoy

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *