Outros ventos de cambio

Xaquín Bermello Corominas

Observar a esquerda e a mobilización social dos anos sesenta enseguida nos leva a proxectar a imaxe dos movementos estudantís, do asociacionismo veciñal e das protestas por unhas maiores liberdades e dereitos. Tanto o Maio de 1968 francés como a mobilización da xeración que non viviu a guerra e a represión franquista son rapidamente identificables para calquera de nós. O resto do mundo non quixo quedarse atrás, e tanto se empeñou en ter protagonismo que algunhas das súas experiencias foron obxecto de admiración por parte da renovada esquerda desta década. Mais deixemos a perspectiva europea, pois de pouco nos ha servir se queremos falar dun dos casos máis paradigmáticos da mobilización da esquerda mundial: a revolución cubana.

 

 

 

 

 

 

 

 

É certo, tamén identificamos moi rápido esta experiencia co fervor revolucionario dos sesenta: a guerrilla en Sierra Maestra, Fidel e o Che, a crise dos mísiles, a Guerra Fría, etc. Pero poucas veces reparamos na incidencia que tivo nas descolonizacións africanas e no nacemento de movementos revolucionarios latinoamericanos. Sen entrar en disquisicións xerais1 queremos sinalar a relevancia do caso cubano como o hipocentro dun seísmo revolucionario que percorreu os países dun “Terceiro Mundo”2 que comezaba a erguerse en armas e que organiza en xaneiro de 1966 a Conferencia Tricontinental. Do seu seo nace a Organización de Solidariedade dos Pobos de África, Asia e América Latina (OSPAAAL) e dela a revista Tricontinental. En ambas entidades, así como na Conferencia, foi a iniciativa e a liña política cubana a que se impuxo, incluso por enriba da soviética, da china ou da de países de forte influencia terceiromundista como o Exipto de Nasser. Segundo o editorial do primeiro número da revista:

O 31 de maio deste ano (1967) celebrouse o primeiro aniversario da constitución da Secretaría Executiva da OSPAAAL. As tarefas asignadas á nosa organización pola Primeira Conferencia Tricontinental traducíronse gradualmente en medidas prácticas dirixidas principalmente a coordinar, apoiar e estimular a solidariedade activa e revolucionaria entre os pobos de Asia, África e América Latina.

(…) A revista Tricontinental propón recoller nas súas páxinas a colaboración dos líderes máis recoñecidos do Terceiro Mundo así como a dos intelectuais revolucionarios que participan intimamente nas manifestacións culturais dos países subdesenvolvidos. A importancia da publicación de Tricontinental débese ao seu papel como órgano de axitación, difusión e intercambio de experiencias revolucionarias, así como ás ideas máis nobres dos homes que loitan, senten e pensan na liberdade total da humanidade.3

Os temas era tan diversos como inmensa era a variedade de participantes da revista: dende Kim Il Sung ata Carlos Marighella ou Amilcar Cabral pasando por Sartre, un póstumo Lenin ou o propio Fidel Castro. Aínda que non todo eran artigos. A cincuenta e dous anos da publicación do primeiro número e a cincuenta e tres do nacemento da OSPAAAL inagurouse en Londres unha exposición inédita en Europa4. O seu interese xira ao redor da expresión máis chamativa da revista: as imaxes. Non as fotografías nin os retratos, senón os diseños gráficos que popularizaron o discurso e que serviron de apoio visual ao contido dos artigos.

A forza expresiva destas imaxes preséntanos relatos dunha loita antiimperialista coa que Cuba estivo comprometida durante décadas, exemplificada a través dunhas composicións sinxelas. Nelas mostran o seu apoio á loita armada, denuncian situacións de inxustiza e desigualdade como o racismo ou reivindican días de homenaxe a líderes, movementos ou países. Un diverso grupo de artistas da talla de Alfredo Rostgaard, Gladys Acosta Ávila ou Lázaro Abreu Padrón foron os responsables dalgunhas das representacións máis senlleiras de grandes líderes revolucionarios como o Che Guevara ou Patrice Lumumba, responsables de crear todo un entramado tan simbólico como explícito á hora de mostrar a relevancia de certas persoas e de certas loitas, e responsables tamén da época máis brillante da cartelística e o diseño gráfico cubanos.

 

 

 

 

 

 

 

Cómpre non idealizar, pois aínda que o percorrido da OSPAAAL e da revista é moi longo, a súa influencia semella que deixou de ser relevante poucos anos despois da súa creación. Mais fose maior ou menor o certo é que ámbalas dúas son expresións senlleiras do proxecto revolucionario cubano para o Terceiro Mundo. Poñamos por caso a revista: abundan os artigos acerca dos grandes líderes ou dos casos paradigmáticos de revolucións exitosas das que un militante puidese aprender, pois unha das principais intencións era formar e vehicular un repertorio de acción para a loita armada. Tamén podemos observar que, segundo avanzan as publicacións, hai unha preferencia por destacar protagonistas, guerrillas e conflitos armados onde Cuba estivese implicada dalgunha maneira, como é o caso da guerra anticolonial nas colonias portuguesas.

A exposición londinense coincide sen querelo co ano no que Cuba deu por finalizada a actividade da OSPAAAL, clausurándoa e mandando a súa documentación á Casa de las Américas e ao Instituto de Historia Cubana. Un punto e á parte que viña sendo augurado dende décadas atrás pero que tamén cadra coas primeiras investigacións sobre a Organización e a revista5. Agora tócalle falar á historiografía.

Notas ao pé

  1. a realizadas dende perspectivas macroanalíticas como o caso de MARTÍN ÁLVAREZ, A. e REY TRISTÁN, E. (2012), “La oleada revolucionaria Latinoamericana contemporánea, 1959- 1996. Definición, caracterización y algunas claves para su análisis”, Naveg@mérica. Revista electrónica de la Asociación Española de Americanistas, 9; ou de análise de casos concretos como GLEIJESES, P. (2007), Misiones en conflicto. La Habana, Washington y África. 1959-1976. La Habana, Editorial de Ciencias Sociales. []
  2. tilizamos este termo sendo conscientes das súas connotacións extremadamente negativas. Co inicio das descolonización non foron poucos os países e movementos de liberación que adoptaron esta condición para enfatizar a súa posición no mundo. É, ademais, un termo útil para referirnos á unión programática e de acción dunha parte do mundo tricontinental latinoamericano, africano e asiático. []
  3. Tricontinental, nº1, juillet-aût 1967, “Éditorial”, Paris, Editions Maspero (a tradución é propia). []
  4. https://www.houseofillustration.org.uk/whats-on/current-future-events/designed-in-cuba-cold-war-graphics/ []
  5. Dende as primeira aproximación dende Italia, caso de MORO, Lucia (2011), La Tricontinental, una revista per la revoluzione, Tesi di Laurea Specialistica in Storia Moderna e Contemporanea, Università degli studi di Padova, Padua; e VANZETTO, Martina (2017), L’Ospaaal tra Cuba e il Terzo Mundo. Nascita e sviluppo dell’Organizzazione di Solidarietà dei Popoli di Asia, Africa ed America Latina, Tesi di Luarea in Relazioni Internazionali Comparate, Università Ca’Foscari Venezia, Venecia; ata o máis recente Workshop internacional sobre as revistas da Nova Esquerda coa inovadora inclusión da Tricontinental de CALVO GONZÁLEZ, Patricia. (2018). «Spreading Cuba: Revolutionary Diffusion through “Tricontinental” on its First Decade (1967-1977)» en Martín Álvarez e Rey Tristán (coord.), Building the Radical Indentity. The Diffusion os the Ideological Framework of the New Left. Whorkshop, Santiago de Compostela. []

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *