“Marcharon con todo”: a lóxica das represalias económicas en Galicia durante a Guerra Civil (1936-1937)

Mateo Martínez Torres

O título deste breve artigo comparte parte do seu enunciado coa obra de Julio Prada Marcharon con todo: La represión económica en Galicia durante el primer franquismo. O emprego da expresión non é baladí, xa que describe dun xeito magnífico o que supuxeron as extorsións económicas que levaron a cabo os rebeldes nos días posteriores ao golpe e nos primeiros meses de Guerra. O estudo destas comezou a finais do s. XX, cando irrompeu con forza no ámbito académico unha liña de investigación centrada na violencia exercida no verán de 1936. Aproveitando dito impulso, pronto se fixo visible que os mecanismos represivos aplicados polos golpistas foran plurais. Porén, a investigación sobre o impacto das disposicións en materia de extorsión económica ocupan aínda hoxe un lugar subsidiario con respecto a outras manifestacións da violencia dos sublevados.

Dentro das represalias económicas englóbanse as incautacións, multas e todo tipo de sancións impostas polos gobernos civil e militar. Tamén entran nesta acepción as exaccións económicas exercidas por milicianos, con auténticos atracos a man armada que quedaron impunes, e as “voluntarias” Supscripciones Patrióticas. Estas últimas ocultaban prácticas que só se poderían denominar como incautacións encubertas feitas por calquera persoa que se vira obrigada a contribuír a raíz do clima de coacción existente.

Tralo verán, as represalias económicas estiveron suxeitas e coordinadas polo Decreto Nº 108 da Junta de Defensa Nacional do 13 de setembro de 1936 e, dende principios do ano seguinte, polo Decreto-lei do 10 de Xaneiro de 1937. Este último documento sería o que regularía todas as represalias económicas ata a promulgación da Lei de Responsabilidades Políticas do 9 de febreiro de 1939. Secasí, esta institucionalización non debe facernos caer nunha distinción entre «violencia en quente» e «violencia institucional».

Decreto nº 108 da Junta de Defensa Nacional (Burgos, 16 de setembro de 1936)

Os crimes na retagarda comezan case ao mesmo tempo que os sublevados toman o mando, xeneralízanse nos primeiros días de agosto e continúan medrando ao longo de 1936 e parte de 1937. Tal e como estaba previsto nas Instrucións do Xeneral Mola, a execución do golpe e a declaración do estado de guerra polos rebeldes debía ser acompañada da aplicación dunha violencia de grande intensidade. Malia que no ámbito económico as primeiras extorsións se levasen a cabo en ausencia de calquera referencia legal que as abeirase, ocorreron sempre baixo o control dos rebeldes -cunha colaboración civil xa prevista e traducida na formación de milicias de primeira e segunda liña baixo control militar- e seguiron a lóxica da «purga política» estipulada, como dixemos, nas Instrucións do Director.

O feito de que o castigo aos opoñentes políticos se efectuara por vía xudicial di moito sobre a necesidade do «Estado campamental» de monopolizar a violencia e evitar as accións descontroladas que puideran socavar unha precaria lexitimidade sustentada basicamente na «vitoria». Os procedementos levaban consigo un notable investimento de tempo, un proceso de burocratización considerable e implicaban á sociedade civil ao requirir da súa colaboración mediante informes, avais e testemuñas. Deste xeito, a aplicación da lei do 37 alentou a dinámica delatora propia das sociedades en guerra, que se estendeu tamén á posguerra.

O carácter retroactivo das sancións rachaba coas convencións xurídicas da época ao saltarse o principio de nullum crime nulla poema sine praevia lege, unha práctica que estivo presente nas accións punitivas dos estados europeos trala liberación do xugo nazi e quedaría sancionada pola xurisdición creada nos Xuízos de Nüremberg (maio, 1945). A situación económica do acusado non era avaliada obxectivamente, senón a través dos informes de entidades de poder como alcaldes, delegados gubernativos, párrocos ou xefes locais de Falanxe, e eran poucos os que se atrevían a recorrer dado o clima de terror existente.

Comprender a intencionalidade dos sublevados é fundamental para entender a lóxica das incautacións e sancións económicas levadas a cabo na retagarda. A «purga económica» contra os vencidos non podía ser efectuada sen a colaboración activa e gustosa das autoridades locais. Foi a intencionalidade destas figuras de poder a que lles permitiu recadar información para que os organismos creados en xaneiro de 1937 e febreiro de 1939 estivesen en condicións de ditar unha sentencia trala incoación dos expedientes de responsabilidades civís e políticas.

As depuracións e outras actividades coercitivas, ademais dunha intencionalidade implicitamente punitiva, perseguían un fin económico vencellado á urxente necesidade recadatoria provocada polos contiosos gastos da guerra. Diversas historiadoras e historiadores atoparon equivalentes entre as disposicións establecidas polo goberno de Burgos e as implementadas na zona republicana. É común establecer un símil coa Caja General de Reparaciones, creada por un decreto o 23 de setembro do 1936, ou o Tribunal de Responsabilidades Civiles, formado o 7 de outubro do mesmo ano. Aínda que é certo que ambas entidades comezaron a funcionar debido á necesidade de controlar a gran masa de bens dos rebeldes e desafectos que estaban a ser ocupados e incautados na zona republicana, estas non contaban coa intencionalidade que existía na fría lóxica de aproveitamento dos recursos que provoca o asasinato do outro: a lóxica xenocida.

A foto de portada correspondese coa visita de Francisco Franco e Ramón Serrano Suñer ao mosteiro de Sobrado dos Monxes (A Coruña) o 5 de decembro de 1938. [Fonte: Arquivo da Biblioteca Nacional]

BIBLIOGRAFÍA

-Cenarro, Ángela. “La Ley de Responsabilidades Políticas” en Casanova, Julián; Cenarro, Ángela (coords). Pagar las culpas. La represión económica en Aragón (1936-1945). Barcelona: Crítica, 2014.

-Fernández Prieto, Lourenzo e Míguez Macho, Antonio. “Nomes e voces: balance, preguntas e interpretaciones. Las huellas del golpe de Estado en Galicia” en Fernández Prieto, Lourenzo; Artiaga Rego, Aurora (eds.). Otras miradas sobre Golpe, Guerra y Dictadura. Historia para un pasado incómodo. Madrid: Catarata, 2014.

-Míguez Macho, Antonio. Xenocidio e represión franquista en Galicia. Santiago de Compostela: Lóstrego, 2009.

-Moreno, Nacho. Por el bien de la Patria y de la Justicia. Denuncias e informes de las autoridades aragonesasen Casanova, Julián, Cenarro, Ángela. (coords.). Pagar las culpas. La represión económica en Aragón (1936-1945). Barcelona: Crítica, 2014.

-Prada Rodríguez, Julio. Marcharon con todo. La represión económica en Galicia durante el primer franquismo. Madrid: Biblioteca Nueva, 2016.

-Prada Rodríguez, Julio. “Los mecanismos de extorsión económica en Galicia durante los primeros meses de la Guerra Civil”, Historia Actual Online, núm. 41 (2016): 109-123.

-Prada rodríguez, Julio. “Las Comisiones Provinciales de Incautación de Bienes en Galicia (1936-1939)”, Ayer, núm. 109 (2018): 297-323.

-Sánchez Recio, Glicerio. La República contra los rebeldes y los desafectos. La represión económica durante la Guerra Civil. Alicante: Universidad de Alicante, 1991.

-Souto Blanco, María Jesús. La represión franquista en la provincia de Lugo (1936-1940). A Coruña: Edicións do Castro, 1998.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *