O dragón e a cruz. As Stavkirke: igrexas de madeira noruegas

Lucas Sánchez Taboada

Stavkirke é a palabra norueguesa coa que se denominan unhas particulares igrexas cristiás de época Medieval, construídas en madeira e asociadas co país noruegués. Aínda que na súa orixe seguramente existiron por toda a Europa do Norte, actualmente quedan 28 en Noruega e unha en Suecia. As máis antigas teñen máis de 800 anos, moitas delas conteñen elementos decorativos inscritos dentro do que coñecemos como arte nórdica ou escandinava, como a de Urnes (fig. 1), cuxo nome deu orixe a esta etapa da arte nórdica[1].

Os primeiros pasos firmes na cristianización de Noruega fíxanse no reinado de Haakon “O Bo” (934-961), durando este proceso un par de séculos[2]. A nova relixión impúxose a través dos contactos comerciais e políticos cos pobos cristiáns de Europa. As stavkirke son testemuñas desas tensións e non cabe dúbida de que os símbolos da maioría destas igrexas proceden da cultura vikinga. A loita entre dous mundos e dúas culturas diferentes -entre o dragón e a cruz-, caracteriza á arte medieval nórdica (fig. 2).

(fig. 1) Igrexa de Urnes, primeira metade do século XII
(fig. 2) Igrexa de Heddal, segunda metade do XII

 

 

 

 

 

 

A primeira xeración destes templos cristiáns foron erixidos ao longo do século XI (fig. 3) e tiñan as paredes feitas de pés dereitos (stav). Os pés dereitos estaban afincados na terra, o que proporcionaba a necesaria rixidez á estrutura, pero á súa vez, causaba a podremia do pé. Ningunha destas primeiras stavkirke sobreviviron máis dun século. No século XII xurdiu a necesidade de construír igrexas máis resistentes e de maiores dimensións para albergar a unha poboación en aumento. Nesta segunda xeración os construtores empregaron, no canto de pilotes afincados en terra, columnas de madeira e taboleiros verticais fixados sobre madeiros horizontais, e suxeitos por traveseiros que descansan sobre os postes. Desta maneira, as paredes alzábanse sobre o terreo, a salvo da podremia. En cada esquina, as paredes teñen un stav angular ensamblado co horizontal por abaixo e o traveseiro por arriba. Este tipo de construción demostrou ser de tal calidade que algunhas igrexas edificadas no século XII seguen en pé hoxe en día (fig. 4)[3].

(fig. 3) Igrexa de Hopperstad, 1140
fig. 4) Igrexa de Lom, 1158

 

 

 

 

 

 

 

A razón do bo estado de saúde destas igrexas é resultado de dous factores: a elección correcta do material e un correcto deseño construtivo e estrutural. O método de secado que empregaban era altamente eficaz. Unha vez seleccionadas as árbores cortaban as copas deixando unicamente o tronco, que quedaba enraizado durante un período de cinco a oito anos e se cortaba a medida, eliminando a albura e utilizando o durame, proporcionándolles diámetros de 30 a 40 cm. A pesar de seren de madeira, lograron sobrevivir a algúns incendios debido a que os elementos estruturais de gran diámetro son de combustión lenta, e posto que estaban sobredimensionadas, a  carbonización de parte do durame non supoñía o colapso da estrutura (fig. 5). Con todo isto, fronte a un incendio de grandes dimensións o normal era a perda total da igrexa. Ademais do lume, a humidade é outro axente destrutor deste tipo de construcións ao facilitar a aparición de podremias e insectos xilófagos. Para evitalo protexíanse todas as igrexas con brea cada dous anos, ademais de ter medidas construtivas como a evacuación da auga que baixa polas xuntas verticais cara a soleira, por medio de pequenas canles de desaugue[4].

(fig. 5) Sección igrexa Gold Stave

As stavkirke, ademais de ser edificios de excelente factura arquitectónica, destacan pola súa rica obra de talla. A tradición decorativa parece remontarse á ornamentación de motivos zoolóxicos da época dos vikingos. Os artistas cultivan as figuras de dragóns (fig. 6), que van evolucionando ata converterse en fantásticas criaturas de longos membros. Logo mestúranse formas de vides con tallos enlazados e borlas de follas.

(fig. 6) Detalle dun dragón, igrexa de Borgund

 

As portadas convértense nun lugar ideal para despregar un gran programa iconográfico tallado e son os elementos máis decorados (fig. 7)[5] das stavkirke. Como xa vimos, só 29 igrexas se manteñen en pé, así a todo conserváronse arredor dun centenar de portadas, expostas en diferentes museos de Noruega. A iconografía da igrexa reflicte esta coexistencia entra a tradición nórdica e europea. No interior agréganse obxectos litúrxicos cristiáns e mobles á nave, pero con escenas da mitoloxía escandinava polo xeral.  Aínda que a influencia da arte vikinga impulsou a continuidade do tallado en madeira, non foi a única que repercutiu na estética das portadas. A ornamentación europea marcou o seu propio programa iconográfico determinado por figuras e monstros, así como elementos florais[6]. Por exemplo, na igrexa de Morgund coexisten numerosos motivos da tradición vikinga, que conviven con pinturas medievais e motivos relixiosos (fig. 8). Nalgúns templos, as columnas de madeira levan capiteis que evocan ás coetáneas igrexas de pedra románicas[7]. É evidente que se intentaba imitar o estilo de pedra que adornaba os templos cristiáns máis famosos da época, pero o sistema de construción das stavkirke, tan intimamente ligado ás calidades da madeira, permaneceu. Sen dúbida, as stavkirke constitúen a maior contribución norueguesa á arquitectura mundial.

(fig. 7) Portada igrexa de Hallingdal
(fig. 8) Interior da igrexa Borgund

 

 

 

 

 

 

 

As igrexas de madeira foron capaces de introducir aspectos dun novo idioma e algunhas das súas innovacións sen renunciar á súa propia herdanza e tradicións, como é o caso da portada de Hylestad, cuxa decoración mostra escenas da historia de Sigurd Favnesbane, o protagonista da Saga Volsunga e do Cantar dos Nibelungos (fig. 9-10)[8]. Iso, en conxunto, dá lugar a igrexas excepcionais dotadas dunha linguaxe única que non se pode atopar noutro lugar. Como resultado, as igrexas de madeira convertéronse, e aínda son, un elemento patrimonial fundamental para os noruegueses e norueguesas.

Fig 9. Portada de Hylestad, século XII
Fig. 10. Escenas da vida de Sigurd. Portada de Hylestad, século XII

 

 

 

 

 

 

Citas

[1] L. San José Beltrán, “El portal de la Stavkirke de Hylestad”, The Valkyrie´s Vigil, consultado o 13 de novembro do 2019, en «https://www.thevalkyriesvigil.com/el-portal-de-la-stavkirke-de-hylestad/»

[2] M. Espinar Moreno, “La cristianización de los países escandinavos”, Los Vikingos en la historia 2, N. 8, p. 155.

[3] N. Malmanger, “Las Stavkirker, iglesias noruegas de madera”, Boletín de Información Técnica, N. 208, p. 15.

[4] A. R. Bugge, Stave Churches in Norway, Dreyers, Miami, 1983, pp. 10-11.

[5] O portal oeste, que enmarcaba a entrada principal á igrexa, era polo xeral o máis elaborado.

[6] T. Wojciech Lange, Stavkirker: The Stave Churches of Norway, Muzeum Narodwe w Gdansk, Polonia, pp. 36-37.

[7] N. Malmanger, “Las Stavkirker…, p. 18.

[8] J. L. Byock, The Saga of the Volsungs : The Norse Epic of Sigurd the Dragon Slayer, University of California Press, California, 1990, p. 103.

Bibliografía

Bugge, A. R., Stave Churches in Norway, Dreyers Forlag, Miami, 1983.

Byock, J. L., The Saga of the Volsungs : The Norse Epic of Sigurd the Dragon Slayer, University of California Press, California, 1990.

Espinar Moreno, M., “La cristianización de los países escandinavos”, Los Vikingos en la historia 2, N. 8.

Malmanger, N., “Las Stavkirker, iglesias noruegas de madera”, Boletín de Información Técnica, N. 208.

San José Beltrán, L., “El portal de la Stavkirke de Hylestad”, The Valkyrie´s Vigil, consultado o 13 de novembro do 2019, en «https://www.thevalkyriesvigil.com/el-portal-de-la-stavkirke-de-hylestad/»

Wojciech Lange, T., Stavkirker: The Stave Churches of Norway, Muzeum Narodwe w Gdansk, Polonia.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *