O fascismo en Croacia (II): os ecos da Ustaša na Guerra dos Balcáns

Carlos Quivén Sánchez

Como moitos países europeos que estiveron baixo réximes fascistas que cometeron masacres contra a poboación civil, Croacia segue a ter unha relación conflitiva co seu pasado. As tensións desatadas entre nacionalistas croatas e nacionalistas serbios que levaron á Domovinski Rat (Guerra da Patria) -que tivo lugar entre 1991 e 1995, co simbólico inicio no estadio Maksimir en maio de 1990- fixeron temer a moita xente o retorno a cincuenta anos atrás, a un pasado traumático que aínda ficaba sen resolver.

 Zvonimir Boban, capitán do Dinamo propinando unha patada a un policía que se enfrontaba a un afeccionado croata (Zagreb, 1990).

Se nos atemos á conceptualización establecida por Raphael Lemkin (ed. 2009) e na resolución de 1948 da Asemblea Xeral da ONU, debemos referirnos ao acontecido entre 1941 e 1945 no Estado Independente de Croacia coma un xenocidio. O número de vítimas da violencia ustaška ronda o medio millón nun período de catro anos, segundo cifras que apunta a Enciclopedia do Holocausto, das cales a meirande parte foron serbios ortodoxos (320.000-340.000), pero tamén de maneira destacada xudeus (33.500), xitanos (20.000) e outros como partisanos comunistas ou croatas e bosníacos que se opuñan ao réxime. Todos eles sufriron a violencia por seren parte dun grupo nacional, étnico, relixioso, racial ou político de xeito sistematizado e organizado deliberadamente.

Así, o xenocidio foi definido pola resolución da ONU como un «acto de destrución intencionada, total ou parcial, dun grupo nacional, étnico, racial ou relixioso quer mediante o asasinato, quer causando severos danos físicos ou mentais aos membros dese grupo, quer infrinxindo danos de xeito deliberado nas súas condicións de vida para propiciar unha destrución física do mesmo» (Mirković, 2000: 364). De modo que, polo que sabemos xa, a violencia dirixida cara os serbios, en tanto que eran considerados unha minoría étnico-relixiosa, após dun proceso de deshumanización, é denominada por algúns autores, como Sava Bosnitch, o«Holocausto dos serbios ortodoxos en Croacia».

O trauma colectivo que mantiñan os serbios en Croacia arraigado na experiencia xenocida do Estado Independente de Croacia fixo que sentisen as noticias da volta a un proxecto de nacionalismo excluínte con temor a que se repetise o vivido baixo o réxime Ustaša. Estes medos eran fundados, pois coa proclamación da nova Constitución do Estado Croata (decembro de 1991) os serbios que habitaban no país (preto de seiscentos mil), foron relegados á condición de minoría. Isto, inevitabelmente, fíxolles lembrar o que sufriran os seus pais ou os seus avós hai cincuenta anos por seren unha minoría «que sobraba» dentro do Estado croata liderado por Pavelić. Os seus temores foron intensificados en boa medida pola recuperación de símbolos do Estado Independente de Croaica na linguaxe empregada por rangos militares como o saúdo dos ustaše «Za Dom, Spremni!» (Pola Patria, listos!) ou a introdución do kuna como moeda oficial do país (Mirković, 2000).

 Parche empregado polo IX Batallón das Forzas Croatas de Defensa (HOS), 1990-1992.

O principal expoñente por aquel entón do nacionalismo conservador foi o Primeiro Ministro Franjo Tudjman e a súa Unión Democrática Croata (Hrvatska Demokratska Zajednica). Este mantivo en todo momento unha relación controvertida co pasado fascista de Croacia na medida en que non só se mostrara reticente a condenar o réxime de Pavelić senón que chegou a dicir que o Estado Independente de Croacia foi un precedente lexítimo na independencia do país. Tudjman servira á causa antifascista durante a Segunda Guerra Mundial formando parte dos partisanos, e como moitos croatas respectaba a figura de Tito como home de Estado, pero as súas ideas nacionalistas levárono a dar un xiro revisionista tan rechamante como incoherente: pediu ao Goberno de España que fose repatriado o corpo de Pavelić enterrado no cemiterio de San Isidro (Madrid), e o mesmo co corpo de Tito, que se atopaba en Belgrado, para así inhumalos xuntos nunha especie de monumento á reconciliación nacional (Ramet, 2006). Porén, membros do HDZ rexeitaron a retórica revisionista do seu líder respecto do Estado Independente de Croacia e defenderon que a construción dun memorial para Pavelić era «inaceptábel e antidemocrático».

Franjo Tudjman, 1991.

A remoción dos osos das vítimas foi figurada e literal, xa que nos anos noventa foron levadas a cabo exhumacións de foxas comúns, tanto de serbios asasinados pola Ustaša, como de croatas asasinados polos partisanos, por parte dos gobernos serbio e croata, respectivamente. Na publicación destes crimes de guerra residía un interese por alimentar a conciencia nacionalista e xustificar, precisamente, os crimes que se estaban a cometer. Nomeadamente, a maquinaria propagandística dos serbios ía dirixida a defender que, dalgún  modo,  os  seus  actos  contra  a  poboación  croata  estaban  xustificados  polos «pecados» que cometeran seus pais. Así, a autoridades serbias argumentaron nos xuízos posteriores  á  guerra  que  o rexurdimento  nacionalista  en Croacia veu  acompañado da «rehabilitación do Estado Independente de Croacia, o movemento Ustaša e os seus símbolos, que deixaron unha marca indelébel nas conciencias dos serbios en Croacia e noutros lugares» (Benčić & Odak, 2016: 813). O que está claro é que os acontecementos que conduciron ao conflito de 1991-1995, así como o conflito mesmo, no poden ser entendidos sen o precedente Ustaša.

Bibliografía

Benčić, Adriana e Odak, Stipe, «Jasenovac, a Past that does not pass. The presence of Jasenovac in Croatian and Serbian Collective Memory of Conflict», East European Politics and Societies and Cultures, vol. 30, núm. 4 (2016): 805-829.

Holocaust Encyclopedia, https://www.ushmm.org/learn/holocaust-encyclopedia (consultada o 22 de xuño de 2018).

Lemkin, Raphael. El dominio del Eje en la Europa ocupada: leyes de ocupación, análisis de la administración gubernamental, propuestas de reparaciones. Bos Aires: Prometeo Libros, 2009.

Mirković, Damir, «The historical link between the Ustasha genocide and the Croato-Serb Civil War: 1991‐1995», Journal of Genocide Research, vol. 2, núm. 3, (2000): 363-

373.

Ramet, Sabrina, «The NDH: An Introduction». Totalitarian Movements and Political Religions, vol. 7, núm. 4 (2006): 399-409.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *