Cartografía e nacionalismo: o emprego propagandístico do mapa durante o Franquismo

Manuel Lago Berdeal

Fronte ás funcións tradicionais do mapa como instrumento de localización e orientación, os ideólogos nacionalistas potenciaron a súa utilización como un logotipo, como unha “icona nacional”. Este “mapa-logotipo” axiña penetrou no imaxinario popular, converténdose nun medio moi eficaz para difundir, cosificar e visualizar os termos espaciais, a idea de nación. Recentemente, Keplan e Herb sinalaron que a cartografía estivo moi relacionada coa identidade nacional dende os comezos do nacionalismo moderno, xa que os mapas son cruciais para visualizar a nación, é dicir, para facer o seu territorio tanxible.

O mapa converteuse nunha boa ferramenta para os nacionalismos, pois estes son, en grande medida, ideoloxías de carácter territorial. Para teren éxito na praxe política, os movementos nacionalistas deben conseguir, entre outras cuestións, que a poboación se identifique co territorio dun xeito espontáneo. Á súa vez, tamén necesitan que se relacione unha idea máis ou menos abstracta, como nación ou Estado, cunha imaxe gráfica.

Mito da centralidade mundial da Península Ibérica

Máis que ningunha outra imaxe, o mapa facilita dita identificación de xeito doado e rápido. Os mapas contribúen a fixar a ideoloxía nacionalista, posto que realizan tres funcións básicas: resolven o problema da percepción dos límites do territorio nacional, axudan a visualizar a globalidade do territorio e, por último, adquiren un valor emblemático. Do mesmo xeito que os nacionalismos de estado, os nacionalismos subestatais tamén utilizaron o mapa como transmisor de ideoloxía nacionalista.

O réxime franquista, do mesmo xeito que xa fixeran outros estados, empregou o mapa como elemento propagandístico. Os sublevados puxeron fin á II República e ao seu modelo territorial de Estado. Derogáronse os estatutos rexionais aprobados para Cataluña e o País Vasco, abortáronse os procesos autonómicos abertos noutros lugares do estado, como Galicia que xa fora plebiscitado, e o Estado recuperou unha estrutura fortemente centralizada sen outra división territorial intermedia ca provincial. O franquismo impulsou un forte nacionalismo español, unitarista e excluínte, que reprimiu todo aquilo que se asemellase ao rexionalismo ou a un nacionalismo subestatal, así coma todas aquelas linguas que non fosen o castelán e os principais símbolos das identidades rexionais.

No terreo da educación, permitíronselle certas competencias á Igrexa, eliminándose o bilingüismo, o laicismo e a coeducación; trasladándose ás aulas un ideario pedagóxico baseado no nacionalcatolicismo, asentado nun forte patriotismo españolista e na defensa dun dogma e moral católicos considerados “consubstanciais ao ser nacional”. Con todo, cabe sinalar que o catolicismo que se aliaba con aquel nacionalismo era, na súa esencia, anti-estatal e sentía gran pensar polo control do Estado sobre a educación.

Mapeiro situado no Museo Pedagóxico de Galicia. Fonte: MUPEGA

O Réxime deu moita importancia á Historia e á Xeografía, de xeito que as formas de utilización do mapa foron variadas. Este, xunto co crucifixo e os retratos de Franco e José Antonio Primo de Rivera, estaban colgados no aula de xeito constante á vista do alumnado. Comezouse nestes anos a fotografar aos alumnos individualmente sobre o transfondo do mapa nacional. Empregando argumentos xeográficos de compoñente determinista, os libros máis afíns á pedagoxía do réxime defendían a unidade nacional e política de España, á vez que minimizaban as rexións históricas. Os rexionalismos e os nacionalismos subestatais eran presentados negativamente como forzas irracionais e contrarias a unidade xeográfica natural do país. Os libros de xeografía amosaban certas reivindicacións territoriais, polo que moitos autores da época denunciaban o carácter artificial da fronteira con Xibraltar e defendían a devolución do Peñón, considerado territorio nacional arrebatado. Incluso a separación política con Portugal foi considerada antinatural. Algúns autores da época mostraban o seu desexo de reestablecer lazos políticos con Portugal e utilizaron o termo “Península Hipánica” afirmando que España forma con Portugal unha unidade xeográfica perfectamente determinada por límites naturais.

Debemos sinalar tamén que os libros de texto do período franquista contribuíron a lexitimar as posesión coloniais africanas e os ideais panhispanistas do réxime. Ante a innegable perda de protagonismo no panorama internacional, a ditadura apelou con frecuencia ao “glorioso pasado colonial”. Nos libros de xeografía dedicábase unha lección as posesións africanas, que no momento de máxima extensión incluíron o Protectorado de Marrocos, os territorios do Ifni e do Sáhara español, a Guinea insular e a Guinea continental. A descrición destas posesións ía acompañada de argumentos lexitimadores da presenza española, apelando a argumentos dispares, ben de tipo relixioso (propagación da fe cristiá), económico (progreso material) ou mesmo raciais (superioridade intelectual dos brancos). A empresa colonial africana foi presentada como unha misión histórica e incluso un sacrificio altruísta.

Por útimo, a cuestión da riqueza económica do país tamén ocupou un espazo no imaxinario xeográfico do franquismo. Os anos inmediatos á guerra estiveron marcados pola penuria e a autarquía, polo que os libros de xeografía amosaban unha visión idealizada e moi optimista dos recursos nacionais. España era presentada como unha “Europa en miniatura”, un territorio privilexiado no que había unha gran variedade natural que garantía practicamente a autosuficiencia. Dende o franquismo promoveríase tamén o mito xeográfico da centralidade mundial da Península Ibérica. Deste xeito, os libros magnificaban a excepcional posición xeopolítica de España no contexto mundial, facendo un exercicio de demagoxia en tempos marcados polo forzado illamento internacional.

Diversidade produtiva do territorio español

Bibliografía

BENEDICT, A. (1993), Comunidades imaginadas: Reflexiones sobre el origen y la difusión del nacionalismo. México: Fondo de Cultura Económica.

GARCÍA ÁLVAREZ, J. (2013), “Los mapas”. En MORENO LUZÓN, J. y NÚÑEZ SEIXAS, X. M. (eds.), Ser españoles. Imaginarios nacionalistas en el siglo XX. Barcelona: RBA. (pp. 315-363).

GARCÍA ÁLVAREZ, J. y MARÍAS MARTÍNEZ, D. (2002), “Nacionalismo y educación geográfica en la España del siglo XX: una aproximación a través de los manuales de bachillerato”. En Xeografía, Nº11. Pp. 1-48.

HARLEY, J. B. (2005), La nueva naturaleza de los mapas. Ensayos sobre la historia de la cartografía. México: Fondo de Cultura Económica.

KAPLAN, R. D. y HERB, G. (2011), “How geography shapes National Identities”. En National Identities, Vol. 13, pp. 349-360.

NOGUÉ I FONT, J. (1998), Nacionalismo y territorio. Lleida: Milenio

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *