Deseño de indumentaria no primeiro período soviético II: as propostas ligadas á nova política económica de 1921

Alicia Losada García

No anterior artigo víramos as radicais invencións dos construtivistas, que careceron de éxito non só polo difícil do contexto, senón tamén por non ser do gusto da poboación xeral. Pero, en paralelo a elas, aparece outra liña no estilo de indumentaria, coa aprobación en 1921 da Nova Política Económica, que supón un retroceso na innovación e unha volta á luxosa moda occidental. Esta tendencia promoveuse especialmente en revistas de moda independentes xurdidas no momento, como Novosti Mod (Noticias de Moda), que incluían, ademais de copias literais de prendas e accesorios occidentais, os patróns para que puideran reproducirse na casa[1].

A publicación máis importante foi quizais Atel’e (Atelier), pese a que só se editou un número, en 1923. As principais impulsoras da revista foron as deseñadoras e artistas Aleksandra Exter, Nadezhda Lamanova, Evgenia Pribylskaia e Vera Mukhina[2] que se propuxeron defender a moda no novo contexto no que se atopaban, pero sempre dende unha perspectiva cultural. Tiñan presente a problemática do vestido idóneo para as masas socialistas, pero rexeitaban totalmente aos prozodezhda[3].

Alexandra Exter non tiña formación no campo da moda, pero si no deseño de vestiario teatral e, aproveitando esta bagaxe e por mor da necesidade, alíase a principios dos anos 20 con Mukhina para deseñar sombreiros e cintos[4]. A partir de entón, comezou a traballar nun estudio chamado Atel’e mod (Atelier de moda), no que deseñaba ostentosos vestidos de alta costura, multicapa e en tecidos opulentos, para clientes enriquecidos grazas á NEP (Figura 1)[5].

Figura 1: Conxunto de A. Exter publicado en Atel’e (1923). Fonte: Bartlett, 2010: 31

Nos  deseños para teatro mostrouse máis innovadora, pois estaban influídos polo cubofuturismo[6] e non estaban cosidos, senón construídos a partir de volumes xeométricos. As súas propostas son completamente opostas aos prozodezhdas teatrais, pois as súas creacións son individualizadas e adaptadas a cada personaxe[7]. Exter tamén desenvolveu unha serie de prototipos máis sinxelos, austeros e cun patrón bastante xeométrico, pensados para a industria (Figuras 2 e 3).

Figura 3: Deseño para produción industrial de A. Exter (1923). Publicado no nº21 da revista Krasnaia Niva. Fonte: https://lobgott.livejournal.com/276737.html
Figura 2: Deseño para produción industrial de A. Exter (1923). Publicado no nº21 da revista Krasnaia Niva. Fonte: https://lobgott.livejournal.com/276737.html

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Para eles, toma certas ideas dos prozodezhda, pois está de acordo en que os traxes deben ser adecuados á función, especialmente aos traballos do proletariado, e confortables. Aínda así, este acercamento á roupa dirixida ás masas populares non exclúe a decoración: os prototipos consisten en prendas e accesorios combinables entre si, para incorporar a variedade e individualidade, e tamén a versatilidade dunha peza base, que pode adaptarse a diferentes ocasións[8]. Pribylskaia, pola contra, si era deseñadora de moda profesional.

Tamén traballou para Atel’e mod, e os seus luxosos vestidos caracterízanse por estar decorados con bordados rusos tradicionais, aínda que modernizados (Figura 4 e 5). Sendo consciente da situación política, intentou xustificar o uso dos bordados no seu artigo Vyshivka v nastoiashchem proizvodstve (O bordado na produción contemporánea) de 1923, no cal defende que, debido á escaseza e pobreza dos tecidos, o bordado adquiría unha función utilitaria ao modificalo[9].

Figura 4: Deseño de Evgenia Pribylskaia para a revista Atel’e, 1923. Fonte: https://lobgott.livejournal.com/280930.html
Figura 5: Deseño de bordado de Evgenia Pribylskaia para a revista Atel’e – o mesmo que se ve no kimono da figura 4– (1923). Fonte: https://lobgott.livejournal.com/280930.html

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

No mesmo artigo establece unha relación entre o bordado e a faktura construtivista, presentando unha razón máis para xustificalo[10]. O seu traballo non foi demasiado criticado pois a decoración étnica era a que menos se opoñía aos valores bolxeviques, xa que a súa proveniencia local e colectiva a afastaba dos cambios da moda. Ademais, ao empregarse estilizada, non transmitía valores retrógrados[11].

Nesta mesma liña de indumentaria nacida no contexto da NEP debemos incluír o vestido “flapper-construtivista” de Liubov Popova. Mentres que Stepanova so deseñou prozodezhdas, a maioría dos deseños pensados para a rúa de Popova son adaptacións do traxe feminino occidental por excelencia dos anos 20, o vestido flapper, ao que engade os seus deseños de estampados construtivistas[12]. Estes vestidos apenas teñen estrutura: trátase de traducións moi simplificadas, realizados a partir de rectángulos, moitas veces cinguidos con fajines e con colos cosidos. Deste modo, resulta sinxelo adaptalos á produción industrial (Figuras 6 e 7)[13].

Figura 6: Vestido flapper- constructivista de L. Popova (1923-24). Fonte: TUPITSYN, 2009:156
Figura 7: Vestido flapper- constructivista de L. Popova (1923-24). Fonte: https://www.grad- london.com/blog/from-canvas-to- fabric-liubov-popova-and-sonia- delaunay/

Estes deseños mantéñense afastados do luxo occidental ao empregar materiais baratos coma algodóns ou coiro, aínda que si aceptan, en parte, a moda, ao contemplar cambios de tendencias segundo as estacións do ano[14]. Son deseños que non rexeitan completamente a feminidade, como si o facían os prozodezhda, pero a suavizan, pensando no contexto e tamén nunha muller máis real[15]. Os estampados son os que dan o toque vangardista, mentres que as formas orgánicas dos traxes responden aos gustos comerciais[16]. Debido a estas características, podemos dicir que se corresponden co que Christina Kiaer chama “bens transicionais”: son bens producidos por artistas construtivistas baixo o período da NEP que teñen unha natureza dúplice, xa que buscan gustar ao consumidor á vez que intentan reconducir estes gustos[17].

Referencias

  • [1]Djurdja Bartlett, The spectre that haunted socialism (Cambridge: MIT Press, 2010), 14-15, 26-33.
  • [2]Nicoletta Misler, “Vestirse y desvestirse: el cuerpo de la vanguardia”, en Amazonas de la vanguardia. Exter. Goncharova. Popova. Rozanova. Stepanova.Udaltsova, ed. John Ellis Bowlt, (Bilbao: Fundación del Museo Guggenheim Bilbao, 2000), 105.
  • [3]Djurdja Bartlett, The spectre…26-33.
  • [4]Natalia Adaskina, “Constructivist fabrics and dress design”, The Journal of Decorative and Propaganda Arts, vol. 5 (Verano 1987), 146.
  • [5]Christina Lodder, El constructivismo ruso (Madrid: Alianza Editorial, 1988), 153.
  • [6]Georgiy Kovalenko, “Alexandra Exter”, en Amazonas de la vanguardia. Exter. Goncharova. Popova. Rozanova. Stepanova.Udaltsova, ed. John Ellis Bowlt, (Bilbao: Fundación del Museo Guggenheim Bilbao, 2000), 137.
  • [7]Djurdja Bartlett, The spectre…29-30.
  • [8]Christina Lodder, El constructivismo… 153.
  • [9]Djurdja Bartlett, The spectre…30-33.
  • [10]Emma Widdis,  “Sew yourself soviet: the pleasures of textile in the machine age ”, en Petrified Utopia. Hapiness Soviet Style, eds. Marina Balina, Evgeny Dobrenko, (New York: Anthem Press, 2011), 124.
  • [11]Djurdja Bartlett, The spectre…46-47.
  • [12]Christina Kiaer, “¡A la producción!: los objetos socialistas del constructivismo ruso”, Marzo 2009, <https://marceloexposito.net/pdf/trad_kiaer_objetossocialistas.pdf>.[Consultado el 26/05/2018]
  • [13]Christina Kiaer, “Un constructivismo para señora y otro para caballero”, en Rodchenko y Popova. Definiendo el constructivismo, ed. Margarita Tupitsyn, (Madrid: TF Editores/Museo Reina Sofía, 2009), 157.
  • [14]Djurdja Bartlett, The spectre…24.
  • [15]Christina Kiaer, “¡A la producción…
  • [16]Margarita Tupitsyn, “Participar en la producción: el código constructivista”, en Rodchenko y Popova. Definiendo el constructivismo, ed. Margarita Tupitsyn, (Madrid: TF Editores/Museo Reina Sofía, 2009), 29.
  • [17]Christina Kiaer, “¡A la producción…

BIBLIOGRAFÍA

  • Adaskina, Natalia. “Constructivist fabrics and dress design”. The Journal of Decorative and Propaganda Arts, vol. 5 (Verano 1987): 144-159.
  • Bartlett, Djurdja. The spectre that haunted socialism. Cambridge: MIT Press, 2010.
  • Kiaer, Christina. “¡A la producción!: los objetos socialistas del constructivismo ruso”. Marzo 2009. https ://marceloexposito.net/pdf/trad_kiaer_objetossocialistas.pdf (Data de consulta: 26 de maio de 2018).
  • Kiaer, Christina. “Un constructivismo para señora y otro para caballero”. En Rodchenko y Popova. Definiendo el constructivismo, ed. Tupitsyn, Margarita, 147-162. Madrid: TF Editores/Museo Reina Sofía, 2009.
  • Kovalenko, Georgiy. “Alexandra Exter”. En Amazonas de la vanguardia. Exter. Goncharova. Popova. Rozanova. Stepanova.Udaltsova, ed. John Ellis Bowlt, 131-154. Bilbao: Fundación del Museo Guggenheim Bilbao, 2000.
  • Lodder, Christina. El constructivismo ruso. Madrid: Alianza Editorial, 1988.
  • Misler, Nicoletta. “Vestirse y desvestirse: el cuerpo de la vanguardia”. En Amazonas de la vanguardia. Exter. Goncharova. Popova. Rozanova. Stepanova.Udaltsova, ed. John Ellis Bowlt, 95-108. Bilbao: Fundación del Museo Guggenheim Bilbao, 2000.
  • Tupitsyn, Margarita. “Participar en la producción: el código constructivista”. En Rodchenko y Popova. Definiendo el constructivismo, ed. Tupitsyn, Margarita, 15-34. Madrid: TF Editores/Museo Reina Sofía, 2009.
  • Widdis, Emma. “Sew yourself soviet: the pleasures of textile in the machine age”. En Petrified Utopia. Hapiness Soviet Style, eds. Balina, Marina; Dobrenko, Evgeny, 115-132. New York: Anthem Press, 2011.

 

Un comentario en “Deseño de indumentaria no primeiro período soviético II: as propostas ligadas á nova política económica de 1921

  1. No conocía la Revista Atelier. Aunque solo editaran un número es una joya, El abanico sorprendente. Gracias por el enlace y el artículo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *