As guerrilleiras antifranquistas galegas

María Núñez Cobas

A perspectiva de xénero na historiografía é escasa, o que é máis, nos casos onde si se aplica, as mulleres acostuman aparecer como vítimas de determinados acontecementos históricos; embora estudos especializados comproban o seu papel activo neles. No referente á guerrilla antifranquista existen múltiples estudos, mais son as investigacións de Aurora Marco e Mercedes Yusta as que se centran nas mulleres. A continuación, tomando ditas autoras como referencia, analizaranse os modos de participación das mulleres galegas na guerrilla antifranquista e, malia centrar o artigo no papel activo da loita, cómpre facer mención ao terror vivido pola poboación galega durante os anos de Guerra, posguerra e Ditadura. A violencia, os fusilamentos, as mulleres rapadas, violadas e enterradas en cunetas que aínda fican, en moitos casos, no esquecemento colectivo. Mais preténdese dar voz a aquelas que, aínda vivindo esta situación de terror, participaron da loita contra o Réxime fascista.

É preciso ter en conta que na Galiza a vitoria do bando sublevado foi moi rápida, non existiron frontes de guerra como tal, o que fixo que a resistencia se traducise na loita armada organizada en guerrilla; esta prolongarase no tempo até despois do ano 1945, data da derrota do Eixo na II Guerra Mundial. Tras isto, é licito preguntarse como puido sobrevivir a guerrilla durante este longo período de tempo dentro dun estado ditatorial que pretendía eliminar calquera foco contrario ao seu ideario. Pois ben, o apoio que as comunidades rurais lle deron á guerrilla foi esencial para a súa supervivencia; dentro destas, as mulleres xogaron un papel fundamental. Ditas redes conformaron a “guerrilla do chan” mentres que a localizada no monte recibiu o nome de “guerrilla do monte”; deste xeito a estrutura dividíase en dúas partidas sendo a primeira decisiva para a supervivencia da segunda.

As redes tecíanse en lugares determinados, A. Cabana apunta “ …allí donde las partidas tenían lugar de actuación, es decir, coincidiendo generalmente con las zonas de origen de los guerrilleros[1] o que evidencia a importancia dos vínculos familiares ou afectivos como motivación da guerrilla do chan. Destacan as mulleres que arriscaban a vida exercendo de enlaces, algunhas comezaron brindando apoio á guerrilla do monte por mor dos citados vínculos, sen estaren previamente politizadas, simplemente por solidariedade; mentres que outras entran a formar parte dela sendo plenamente conscientes do seu papel e movidas por unha ideoloxía clara como é o caso de Enriqueta Otero ou María Araújo.

Apoiar á guerrilla era un delito moi grave, polo que as guerrilleiras convértense en opositoras e moitas son duramente reprimidas como tales. Segundo M. Yusta[2]ser madre, mujer, hija o hermana de «rojo» se convirtió en un delito”. Deste modo o Réxime oprimíaas por seren opositoras e por mulleres. A represión sexuada foi moi dura polo que algunhas delas, coa fin de evitar as torturas e vexacións, deciden unirse á guerrilla do monte. Existiron guerrilleiros que apoiaron e valoraron o papel das mulleres, en concreto o coñecido co alcume de «Quico» expón:

Hubo compañeras en la guerrilla peleando como los hombres, con un arma. Sobre todo en la base popular. La mujer, al menos en nuestra región, la región de Galicia y de León, ha sido el factor casi determinante de la existencia de las guerrillas[3]

Pola contra nalgunha ocasión o ambiente no monte non era favorable á entrada de mulleres. Nos estudos de Hartmut Heine sobre a guerrilla recóllese que algúns dos enlaces de «O Gardarríos» lle retiraron a palabra ao pasar a guerrilleira Antonia Díaz, a súa compañeira, a integrar as filas da guerrilla do monte. O heteropatriarcado non era exclusivo dos golpistas, senón que estaba bastante estendido na sociedade e extrapolábase nalgún caso á guerrilla, polo que algunhas guerrilleiras desenvolvían labores tales como lavar, cociñar, coidar etc., é dicir, existía unha división sexuada do traballo. Mais pasar a integrar as filas dunha guerrilla era un acto transgresor para as mulleres da época que se opoñía ao modelo «ideal» de muller submisa imposto polo Réxime, o cal as consideraba “desnaturalizadas”.

Coa nova orde social as mulleres ficaron reducidas ao cumprimento dunha serie de roles tradicionais que as excluíron dos mecanismos de participación social, o que contribuíu á conformación dun modelo ideal feminino, tarefa en que foi clave o apoio teórico e práctico da Sección Femenina e da Igrexa.[4]

Rachar coas barreiras socialmente impostas tivo como consecuencia que foran menosprezadas, incomprendidas e insultadas tanto por unha parte da poboación como polo Réxime que constrúe e difunde un discurso contra elas, afirmando que a súa función no monte era a de satisfacer as necesidades, sobre todo sexuais, dos guerrilleiros aos que denominaba “bandoleiros”. Isto era un mecanismo de desprestixio da loita da guerrilla. Consuelo Rodríguez López, guerrilleira coñecida co alcume de «Chelo» sinalaba:

Naquel tempo ás mulleres que andábamos con guerrilleiros chamábannos putas. Eran os fascistas e a Garda Civil os que dicían iso (…) É algo que non admito[5]

Polo tanto aínda tendo que loitar contra o Réxime, a sociedade e en ocasións cos compañeiros, para moitas mulleres a loita armada antifranquista suporía unha vía transgresora mediante a cal puideron loitar polos seus ideais e conformar a súa ideoloxía mentres que para outras funcionou como un centro de formación básica posto que no monte aprendían a ler, escribir e incluso usar armas.

Sen a súa memoria a Historia non está completa.

 

1*Como recomendación: documental “As Silenciadas” de Pablo Ces.

2*A foto de portada das guerrilleiras e guerrilleiros foi obtida do libro “Letras Armadas. As vidas de Enriqueta Otero Blanco.”

Citas

[1] Cabana, A. (2013), p. 186

[2] Yusta, M. (2004), p. 81

[3] Álvarez S., Hinojosa J. e Sandoval J. (coords.) (2003), p. 43

[4] Marco, A. (2011), p. 9

[5] Ibidem, p.12

Bibliografía

Álvarez S., Hinojosa J. e Sandoval J (coords.). El movimiento guerrillero de los años 40. (Madrid: Fundación de Investigadores Marxistas, 2003)

Cabana, A. La derrota de lo épico. (Valencia: PUV, 2013)

Heine, H. Guerrilla Antifranquista en Galicia. (Vigo: Xerais, 1982)

Marco, A. Mulleres na guerrilla antifranquista galega. (Bertamiráns: Edicións Laiovento, 2011)

Yusta, M. & Peiró, I. Heterodoxas, guerrilleras y ciudadanas. (Zaragoza: Institución “Fernando el Católico”, 2015)

Yusta, M. (2004). “Rebeldía individual, compromiso familiar, acción colectiva: las mujeres en la resistencia al franquismo durante los años cuarenta .” Historia del presente. Núm. 4 (2004): 63-92

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *