O Arquivo “Terra e Memoria” da USC

José Carlos García Vega

A Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela alberga no seu interior moito máis que aulas universitarias e unha ben nutrida biblioteca. Ascendendo ao cuarto andar, no despacho 412, atopamos a sede do Arquivo Terra e Memoria. O proxecto, nado da iniciativa dos grupos de investigación HISTAGRA, HistAMÉRICA e HISPONA, posúe máis de 2000 entrevistas recollidas dende os anos 80; un percorrido pola memoria oral da República, da Guerra Civil, do exilio, do mundo rural, das migracións, do franquismo e da conflitividade social. Neste recuncho da USC custódianse breves ecos do pasado de milleiros de persoas, froito do traballo de campo de estudantes e investigadoras durante tres décadas por toda Galicia: os fondos de HISTORGA Xeral, HISTORGA Migracións e Nomes e Voces.

  Precisamente, unha desas voces recollidas no último fondo é a de Carlos Reguera López, que narra ante Lourenzo Fernández Prieto e Gustavo Hervella García a historia dunha vida marcada pola pegada da Guerra Civil. Fillo dun militante de esquerdas, atopábase en Madrid cando estalou o conflicto. O seu pai enrolouse enseguida no coñecido Batallón de Milicianos de Galicia, mentres el rematou nunha das colonias de nenos que por entón velaban pola seguridade dos máis cativos, no Asilo de Vallehermoso.

Corbera de Llobregat, 36-39. Chegada de alimentos doados pola Cruz Vermella Suiza. Fonte: Comité Internacional da Cruz Vermella (https://www.icrc.org)

A retirada obrigou a trasladar ao seu grupo a Cataluña, dando comezo para Carlos, entón un rapaz de 11 ou 12 anos, un periplo en solitario que non lle permitiría regresar cos seus pais ata anos despois. Foron transportados a Sitges; logo, ao Palacio de Pedralbes, en Barcelona, e finalmente a Olot. Alí, xa en plena desbandada xeral, subíronos en camionetas que os levaron ata a fronteira, onde as tiraron monte abaixo e os rapaces deberon continuar a pé ata Francia.

En esas camionetas que tiraron, yo, siempre tan inconsciente, bajé a ver qué se podía recuperar, porque ahí no llevábamos ni un bocadillo ni nada de nada. En una de esas camionetas encontré leche en polvo. Abrí el forro del abrigo y [metí toda la que pude].”

  Chegaron a Prats-de-Mollo-la-Preste, no que foron recibidos con indiferencia. Vacináronos e montaron nun tren que os levou por diversas localidades de Francia na busca dun “patrocinador”. Co auxilio de varias organizacións internacionais, como as cuáqueras estadounidenses Foster Parent ou o Socorro Rojo Internacional, puideron estabelecerse nunha residencia de Hastingues, baixo o coidado dunha parella española. Trala disolución da colonia coa ocupación alemá, Carlos conseguiu reunirse de novo coa súa familia. O seu pai, que resultara ferido na guerra, pasara polos campos de concentración de Agde e de Argelès-sur-Mer antes de ser liberado e entrar a traballar nunha fábrica de xeo en Villeneuve-sur-Lot. Alí viviron a Segunda Guerra Mundial nas condicións que Vichy ofrecía aos exiliados españois. O entrevistado conta como mantiveron aínda entón o seu compromiso político, fora escondendo armas para a resistencia contra a ocupación ou copiando a man folletos para formar guerrilleiros.

Me duele en el alma, pero es así. Yo recuerdo a una señora que venía, una judía (…) en plena razzia de los alemanes. Alguien le había dicho ‘esa gente son antinazis’, y vino con esas. Yo tuve que decirle que no podía ser. En aquél entonces no calibraba lo suficiente lo que significaba aquello, pero aparte de eso era imposible, porque vivíamos en un cuchitril (…) Esa acabó mal, seguro. La vi tan desesperada…

Buñol, 36-39. Colonia de nenos ‘Blasco Ibáñez. Fonte: Comité Internacional da Cruz Vermella (https://www.icrc.org)

Coa vitoria aliada e a caída do réxime nazi, a situación foise estabilizando. Carlos, que militaba nas Juventudes Socialistas Unificadas (JSU) –para desagrado das autoridades francesas–, puido participar no ano 1947 dunha visita á Yugoslavia de Tito para colaborar na construción do ferrocarril, coa ilusión de “ver el nacimiento del hombre nuevo, que nunca acaba de llegar”. Regresou a Toulouse, onde se mudara a súa familia, e desempeñou algúns traballos de pico e pa, de fotógrafo e, finalmente, nunha empresa eléctrica. Durante décadas, a pesar da progresiva apertura do réxime franquista, negouse a retornar a España: “había cosas que no estaba dispuesto a aceptar”. Conta que o seu pai o intentara, atopándose cunhas autoridades hostís que facían pesar sobre el dúas penas de morte. Carlos non regresaría a Coruña ata finais dos anos 80, na súa xubilación.

  Historias como a de Carlos Reguera son excepcionais, pero trátase dun claro exemplo da inmensa riqueza que un pode atopar no Arquivo Terra e Memoria. A testemuña dunha soa persoa, a través do que se coñece como historia oral, constitúe un documento vivo que nos traslada ao pasado menos impersoal, a faceta máis humana do discorrer dos tempos. Unha oportunidade para achegar as voces pretéritas ao presente e reconciliar á sociedade coa Historia de España que se desenvolveu máis aló dos relatos da Ditadura.

  Os fondos do Arquivo pódense ver na súa páxina web, www.terraememoria.usc.gal, e consultarse presencialmente cunha cita previa por correo á dirección terraememoria@usc.gal. Facultade de Filosofía, despacho 412 (cuarto andar).

Referencias:

Entrevista a Carlos Reguera López, realizada por Lourenzo Fernández Prieto e Gustavo Hervella García (Meixigo, Cambre, 30/novembro/2016). Nº 2484. Fondo Nomes e Voces, www.terraememoria.usc.gal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *