O fascismo en Croacia (I): a masacre dos serbios, xudeus e xitanos.

Carlos Quivén Sánchez

Cando nos introducimos no tema da Ustaša o aspecto máis recorrente á hora de abordar a súa análise como movemento fascista é, sen dúbida, a violencia. A Ustaša, como expoñente do nacionalismo croata levado ao seu límite máis extremo, entendía a cuestión serbia como un auténtico problema que debía solucionar para conseguir unha Nación pura e homoxénea e o seu exterminio será unha das accións máis destacadas durante os anos que durou o Estado Independente de Croacia (1941-1945).

O novo Estado croata puxo en marcha un completo aparato lexislativo destinado a propiciar a segregación da poboación considerada polas autoridades como «indesexábel» e lograr marcar os contornos que definiría a Narodna Zajednica (comunidade nacional). En abril de 1941 introducíranse unha serie de leis encamiñadas a regular a represión institucional que estaba por vir entre as comunidades serbias, sobre todo, pero tamén xudeus e xitanos.

As leis promulgadas tiveron un efecto semellante ao do caso alemán: prohibición a serbios e xudeus traballar no sector público, nacionalización de todos os seus bens e propiedades en beneficio da economía nacional e clausura de toda entidade cultural ou de carácter comunitario vencellado con estes colectivos. Ademais, fóronlles reducidas as liberdades limitando os lugares onde podían mercar e os espazos dos que podían desfrutar xunto ao resto de croatas «puros» como cines, parques, cafeterías ou baños públicos[1].

A exaltación da violencia pretendía crear unha fenda intercomunitaria que se tornara irreversíbel e forzara a aqueles identificados como croatas a aglutinarse en torno á nova comunidade nacional en construción que lles protexía. Así, a eliminación do inimigo interno viuse como un medio esencial para a nacionalización das masas. Deste xeito, podemos referirnos a este proceso como unha «guerra nacionalizadora», concibida coma un acto revolucionario de autoidentificación na caracterización do inimigo coma o «outro», o que está fora da comunidade nacional[2].

O terror tivo lugar esencialmente nos meses de verán de 1941, a través das deportacións, a reclusión en campos de concentración e as masacres nas vilas. As zonas que máis sufriron as deportacións foron precisamente aquelas que contaban cunha ampla poboación serbia, como as provincias de Lika, Kordun e Banija, así como partes de Bosnia-Herzegovina. Aproximadamente, 179.000 serbios foron levados á Serbia ocupada e outros tantos a territorio esloveno, tamén baixo dominio nazi. Pero esta medida de enxeñaría social non foi levada a cabo de maneira organizada e foi acompañada dun uso desmesurado da violencia que chegou a sorprender aos propios soldados nazis[3].

Campos de concentración no Estado Independente de Croacia (1941-1945)

O sistema de campos foi rudimentario e organizado de xeito apresurado entre abril e agosto de 1941, pero os ustaše lograron asentar un total de 26 instalacións destinadas ao exterminio de serbios, xitanos e xudeus ao longo do Estado Independente de Croacia. Entre os máis destacados podemos encontrar algúns como o de Jadovno, Slnao e Metajna (na illa de Pag) que tiveron un carácter máis efémero (clausurados en agosto de 1941), pero tamén outros campos que se encontraban ao longo do territorio croata e bosníaco en funcionamento case até o final da guerra como o coñecido campo de Jasenovac, na fronteira entre Bosnia e Croacia[4]. O nivel de brutalidade e sadismo rexistrado nestas instalacións foi tal que tanto alemáns como italianos non podían crer o que estaban a facer non só a homes adultos senón tamén a mulleres, nenos e anciáns por igual. Estes campos presentaban unhas condicións de vida totalmente inhumanas, onde a fame, a contracción de enfermidades por falta de hixiene e as constantes vexacións e torturas eran a tónica habitual.

Entrada ao campo de Jasenovac

Podemos dicir que os ustaše foron moito máis viscerais e salvaxes que os nazis nas súas masacres, porque mentres os segundos optaban por unha solución máis «limpa» ou «impersoal» de liquidar ás súas vítimas nos campos, como eran as cámaras de gas, os primeiros preferían «mancharse as mans» cortando pescozos dos prisioneiros coa súa arma por excelencia, o srbosjek, literalmente «cortaserbios», feito cun coitelo pegado a unha luva. Ademais, sabemos que os nazis preferían desfacerse dos corpos en fornos crematorios pero os ustaše optaban por desfacerse dos corpos quer enterrándoos en foxas comúns –escavadas polos prisioneiros- quer arroxándoos ao río Sava[5], o cal deixaba unha imaxe dantesca. Para ter conta da magnitude da masacre, estímase que unhas 120.000 persoas foron masacradas nos campos da Ustaša, das cales oitenta mil só no de Jasenovac[6].

Srbosjek

Por último temos que mencionar como mostra da violencia ustaška as rapiñas e os asasinatos en masa nas vilas das xa mencionadas rexións onde existía unha preeminente diversidade étnica. As matanzas foron organizadas e perpetradas por membros da denominada Milicia Ustaša (Ustaška vojnica), na que tivo un papel senlleiro a Liga Negra (Crna Legija) como corpo de elite. Os episodios de violencia indiscriminada foron moi intensos entre 1941 e 1942, e sucedéronse masacres como a do distrito de Gospić no que en dous meses 3.000 serbios foron asasinados, a do distrito de Glina con 2.394 vítimas, ou a de Vlahović con 800 nun só día[7].

Ante este panorama a Wehrmacht definiu o Estado Independente de Croacia como un «escenario caótico e a piques de colapsar». A pesar dos intentos por parte dalgúns delegados do Goberno nazi en Croacia e un cambio de política en 1942 recoñecendo os dereitos dos croatas ortodoxos[8], o certo é que os efectos e a repercusión que tiveron as matanzas foron os que contribuíron a derrocar ao propio Goberno. Este alimentou, ironicamente, a desafección entre a poboación que se uniu á resistencia, aquela poboación á que apelaba a formar parte do seu proxecto de comunidade nacional.

 

Notas ao pé

[1] Rory Yeomans, Visions of Annihilation: the Ustasha Regime and the Cultural Politics of Fascism, 1941-1945, (Pittsburgh, University of Pittsburgh, 2013): 13.

[2] David Alegre, «El Estado Independiente de Croacia (NHD): encrucijadas de imperios, violencias, comunidades nacionales y proyectos revolucionarios (1941-1942)», en Políticas de la violencia: Europa, siglo XX, ed. Javier Rodrigo, 208-216 (Zaragoza, Prensas Universitarias de Zaragoza, 2014).

[3] Sabrina Ramet, «The NDH: An Introduction». Totalitarian Movements and Political Religions, núm. 4, (2006): 403

[4] Alexander Korb, «The disposal of corpses in an ethnicized civil war: Croatia, 1941–45», en Human Remains and Mass Violence, ed. Jean Marc Dreyfus e Elisabeth Ansett (Manchester, Manchester University Press, 2014)

[5] Ibidem, 114.

[6] Mark Biondich, The Balkans: Revolution, War and Political Violence since 1878, (Oxford, Oxford University Press 2011): 141.

[7] Ibidem, 137.

[8] Mario Jareb, «The NDH’s Relations with Italy and Germany», Totalitarian Movements and Political Religions, núm. 4, (2006): 462

 

Bibliografía

Alegre, David, «El Estado Independiente de Croacia (NHD): encrucijadas de imperios, violencias, comunidades nacionales y proyectos revolucionarios (1941-1942)», en Políticas de la violencia: Europa, siglo XX, ed. Javier Rodrigo, 191-240. Zaragoza: Prensas Universitarias de Zaragoza, 2014.

Biondich, Mark. The Balkans: Revolution, War and Political Violence since 1878. Oxford: Oxford University Press, 2011.

Jareb, Mario, «The NDH’s Relations with Italy and Germany», Totalitarian Movements and Political Religions, núm. 4, (2006): 459-472.

Korb, Alexander, «The disposal of corpses in an ethnicized civil war: Croatia, 1941–45», en Human Remains and Mass Violence, ed. Jean Marc Dreyfus e Elisabeth Ansett, 106-128. Manchester: Manchester University Press, 2014.

Ramet, Sabrina, «The NDH: An Introduction». Totalitarian Movements and Political Religions, núm. 4, (2006): 399-409.

Yeomans, Rory. Visions of Annihilation: the Ustasha Regime and the Cultural Politics of Fascism, 1941-1945. Pittsburgh: University of Pittsburgh, 2013.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *