“Contamos agora cun material de valor incalculábel da historia viva da Galiza”. Entrevista a Alberte Mera.

Dende hai máis dun mes, estase a levar a cabo unha campaña de micromecenado para financiar unha longametraxe sobre a figura do militante nacionalista Moncho Reboiras, asasinado en Ferrol en 1975 pola policía franquista. Hoxe temos connosco a Alberte Mera, director de “Reboiras. Acción e corazón”, disposto a respostar unha serie de cuestións sobre o proxecto que está levando a cabo e sobre a recopilación e difusión de memoria histórica.

Bos días, Alberte. Até que punto pensas que o auxe de plataformas de streaming está potenciando a rodaxe e popularización do xénero documental? Cal é a situación deste xénero en Galicia?

Somos un pobo creativo, cunha longa tradición cinematográfica. Desde Carlos Velo, Xosé Gil ou Antonio Román, ao rexurdir do cinema galego nos 70, á eclosión da animación galega e até o denominado Novo Cinema Galego, cun Oliver Laxe que, por exemplo, vén de gañar enorme recoñecemento internacional con ‘O que arde’. Narran e ollan desde aquí, contando historias de noso e transmitíndoas a todos os recunchos do mundo.

A democratización no acceso aos medios técnicos, no que á redución do seu custo se refire, facilita filmar a realidade e ou narrar unha ficción. Porén, o circuíto oficial responde a un mercado de intereses globais e na súa práctica totalidade á industria cinematográfica estadounidense, que ten no cinema e televisión o seu principal medio de propaganda. As grandes empresas de distribución e exhibición souberon adaptarse aos tempo e agora temos ao noso alcance varias canles nas que visionar mediante conexión a internet o que elas consideran.

A creación dun circuíto de exhibición para o cinema que vai alén do producido polas grandes empresas é a eterna rémora do cinema na Galiza, xa analizado polos cineastas nos anos 70. Que se poida ver o que se fai aquí é fundamental. Aí supón un antes e un despois a iniciativa da cooperativa Numax, por exemplo, coa apertura dunha sala de cinema en Compostela. É unha ledicia desfrutar dunha sala como esta, precisamos máis como ela en toda a Galiza.

Na páxina do proxecto podemos ver que contades con asesores históricos. Que papel soen desenvolver estes na industria do cine? 

O seu asesoramento é necesario nun filme documental para o labor precisamente de documentación, así como localizar materiais inéditos e orientar as entrevistas. Ademais, como ‘Reboiras. Acción e corazón’ tamén inclúe unhas secuencias de ficción a través da que se recrean varios momentos da vida de Xosé Ramón Reboiras, o seu labor de asesoramento é imprescindíbel.

Vencellado a esta última cuestión e sobre as testemuñas entrevistadas. Cal é o papel de entrevistador á hora de formular as preguntas nun contexto de feitos coma o que se relata no documental? 

Todas as persoas que entrevisto para este filme viviron experiencias persoais e políticas de enorme relevancia, por iso neste caso concreto, e tamén para completar o labor de documentación, manteño unha conversa inicial con todas elas. A maioría das veces xorden cuestións das que non tiñamos constancia. Así que, unha vez gravadas esta conversa de proximidade, formulo aquelas preguntas que no guión tiña xa concibidas e amplío con aqueles aspectos novos nados da conversa e que poden cobrar grande importancia para o filme. O mes de setembro gravamos máis de 20 entrevistas, contamos agora cun material de valor incalculábel da historia viva da Galiza. 

 [Preme na imaxe para acceder á plataforma de Crowdfunding]

En ocasións, asóciase o tardofranquismo cunha “case ausencia” de ditadura. Unha suavización importante da represión. Como encaixa neste relato o acontecido con Reboiras? 

Todo o contrario. Franco morre matando. As folgas de 1972 en Vigo e Ferrol representan a loita da clase traballadora contra a ditadura. Galiza érguese contra o Estado franquista, e a nación tínguese de sangue, sendo as mobilizacións obreiras cruelmente reprimidas. Así, 10 de marzo de 1972 o réxime asasina en Ferrol Amador Rei e Daniel Niebla, dous traballadores de Bazán que tomaron parte nas protestas obreiras daquel ano.

Tres anos despois, do 11 para o 12 de agosto de 1975, centos de policías rodean o piso de Ferrol en que se atopaba Xosé Ramón Reboiras Noia, e após el poder escapar polos tellados, mátano a balazos polas costas. Aí comeza unha nova ola represiva e as detencións de militantes da Unión do Povo Galego. Tal e como nos contan as testemuñas, son días negros, de torturas, detencións, prisión… cómpre lembrar que catro membros da UPG son encadeados durante dous anos e non fican en liberdade até xa avanzada a denominada “democracia”. 

Neses anos en que a Galiza desafía o franquismo e este a reprime duramente, tamén o catalán Salvador Puig Antich morre executado por garrote vil en 2 de marzo de 1974. En 1975 o Estado franquista ordena fusilar tres membros do FRAP, entre os que se atopa o vigués José Humberto Baena, ademais de José Luis Sánchez Bravo e Ramón García Sanz, e máis dous membros de ETA político-militar, Juan Paredes Manot e Ángel Otaegui.

Hoxe en día parece que aínda existe un tabú ao falar sobre Historia e formas de organizacións vencelladas á loita armada. Tense falado moito da relación do nacionalismo coa loita armada naquel tempo. En concreto, como definirías a relación con ETA e as loitas de resistencia en América Latina en base ás entrevistas que levas feito para o documental?

As persoas que entrevistei coinciden no seu testemuño. Algunhas continúan na UPG, outras non, algunhas eran dirixentes naquela altura e outras só colaboradoras… mais hai unanimidade á hora de sinalar que as operacións especiais, das que Moncho Reboiras era responsábel, respondían á necesidade de adquirir material económico e técnico para a creación e distribución de folletos e publicacións entre as clases populares. Hai que lembrar que incluso no tardofranquismo ao mercar un paquete de folios anotábase o documento de identidade da persoa compradora, e xa non che conto ao falarmos de mercar unha multicopista… Até nas gasoliñeiras anotaban e enviaban á policía a identidade de quen mercaba sprays para automóbiles. Así, de apareceren folletos ou pintadas políticas, a ditadura xa tiña un rexistro de quen adquirira o material. En fin, o nacionalismo non tiña máis recursos que os que achegaba a súa propia militancia, pois a diferenza dos partidos españois non recibía financiamento de ningunha internacional comunista, socialdemócrata ou demócrata cristiá. Así pois os fins desas operacións especiais, do tipo das denominadas expropiacións bancarias, foron a obtención de recursos para realizar actividade política durante a ditadura.

No marco das relacións que o nacionalismo galego mantiña no contexto dos movementos de liberanción nacional, asínase a carta de Brest e hai relacións con ETA e PSAN-p contra a ditadura. Con Portugal é moi importante a relación con LUAR. Niso estamos afondando tamén no documental.

En canto a América Latina, no filme trátase a figura do Pai Seixas, un cura de ideoloxías da esquerda transformadora e galeguista, que é unha das persoas que creou con entusiasmo entre a mocidade conciencia nacional no Vigo dos 60 e 70. De feito, Moncho Reboiras comeza a involucrarse socialmente arredor desta figura e da asociación cultural O Castro na que Seixas participaba. Este pai proviña de Amércia Latina, de estar implicado nos movementos políticos emancipadores, e tal e como relatan as testemuñas, tiña grande procupación porque de onde viña asasináranlle todos os alumnos. Triste final que tamén tivo Moncho.

Ademais en Amércia Latina a UPG contaba desde a súa fundación con certa estrutura. En México ten o seu centro en Luís Soto, en Venezuela Celso Emilio Ferreiro e Jorge de Soutomarior, un dos tres comandantes que participan no secuestro da embarcación Santa María. En Montevideo tamén hai militancia ao redor do Padroado da Cultra Galega e na Arxentina con Manuel Mera que chega a Galiza para incorporarse á UPG.

Como pensas que influiu a Revolución dos Cravos no estado español, foi Reboiras víctima do medo a unha revolución similar? 

Portugal converteuse após a revolución nun horizonte de liberdade que finalmente non se chegou reproducir na Galiza nin no Estado, xa que a ditadura non rematou por levantamento popular nin militar, senón que se converteu, modernizouse, mais o réxime continuou. Nese sentido, Porto acolleu un importante número de militantes da UPG que tiveron que exiliarse após as detencións e persecucións de agosto do 75. Alí facíase desde propaganda, revistas e bandeiras até plenarios de solidariedade e internacionalización da problemática no interior.

Que supuxo para o sindicalismo e para o conxunto do nacionalismo galego o asasinato de Moncho Reboiras?

Moncho Reboiras e a xente da súa xeración conseguiran aumentar en grande medida a repercusión do nacionalismo galego e o apoio popular. A política de frontes impulsada pola UPG e da que Moncho foi alicerce fundamental deu lugar aos primeiros xermes sindicais propiamente galegos que despois darían pé ao Sindicato Obreiro Galego (precursor da actual CIG), a nivel político impulsouse a Asemblea Nacional-Popular Galega, así como Estudantes Revolucionarios Galegos ou as Comisións Labregas. A maiores, Reboiras foi fundamental tamén na creación e dinamización da Fronte Cultural e entidades culturais que fixeron un papel importantísimo para recuperar a historia, lingua e cultura galegas e foron peza fundamental para dinamizar a conciencia nacional no pobo galego e organizar a resposta galega ao réxime. Por iso o asasinaron. Por unha banda a súa perda supuxo un forte parón e descabezamento da UPG e do nacionalismo. Porén, moitas persoas colleron tamén o seu exemplo e continuaron a súa encomenda nese camiño, multiplicándose a base social nacionalista.

Xa para rematar, algún consello para novos creadores de contidos adicados á recuperación da memoria histórica a partir desta experiencia que ti máis todo o equipo estades a vivir?

Sen memoria non somos pobo e estariamos condenados a repetir a mesma historia. É necesario narrar quen somos, de onde vimos, difundilo e dalo a coñecer. E o cinema é un medio moi fermoso para facelo. 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *