Juan Orol, ‘o Ed Wood galego’ en México.

Miguel Rodríguez Martínez

Aquel home nado en Lalín que desempeñou oficios como o de mecánico, boxeador, xogador de béisbol, toureiro, axente secreto da policía mexicana e o que finalmente nos incumbe: actor, productor, guionista e director de cine. Ese foi Juan Orol (1893-1988), coñecido pola súa realización de filmes de baixo custo, calidade e, en moitos casos, coherencia. Mais, estase sendo inxusto con Juan Orol? Neste artigo trataremos de comprender a aportación deste galego á industria do cine mexicano na época de auxe que estaba a vivir.

A “Época de ouro do cine mexicano” -entre 1936 e 1959- estivo estreitamente vencellada á chegada masiva de profesionais da escena cinematográfica do exilio republicano. Os profesionais do cine chegados de Europa e a influencia de Hollywood do veciño norteño significaron a conversión de México nunha potencia da industria cinematográfica. E da sintonía destas dúas influencias, aterramos no noso protagonista. Non pola condición de exiliado, xa que emigrara na década de 1910 cara Cuba como tantos galegos; mais Juan Orol coñecía a técnica e tecnoloxía do seu lugar de orixe, así como bebeu das influencias do cine negro americano.

Comezaría como actor secundario na década de 1930 en filmes como Querida nai (1937), e rapidamente apostaría todo o seu capital na súa propia produtora, “España Sono Films”. Todo parecía en sintonía para o seu éxito, mais o imaxinario popular mexicano lembra a este artista como o “mayor hacedor de churros de México”. A súa obra insignia, a cinta de Gángster contra charros (1947), significou un antes e un despois na visión do público cara a súa obra. Un filme no que enfrontaba aos prototípicos mafiosos italoamericanos cos charros mexicanos, un oxímoron sen precedentes. A sociedade vilipendiaba a pobreza argumental das películas deste director, mais se comezamos a esmigallar a arte das súas filmes, podemos darlle unha volta completa á visión que a opinión pública formou sobre o mesmo.

Cartaz de Gansgter contra charros (1947)

Os gángsters que comezaban a dominar un dos panoramas de Hollywood cruzarían a fronteira grazas a este autor, que protagonizaría el mesmo o papel do famoso Johnny Carmenta, entre outros. Presenta diversas ópticas dos mesmos, facendo todo un estudo antropolóxico moi pouco valorado ao estar camuflado polo humor e a asimetría narrativa. Esta temática do cine negro estaba combinada pola súa importación de actores antillanos que lograría formalizar un estilo tropical moi alternativo. O seu maior problema radicou naqueles que precisamente reforzarían a súa negativa ante a opinión popular: a prensa. Segundo Juan Orol, estes sempre lle pedían cartos a cambio dunha boa crítica ao que o director nado en Santiso respondía deste xeito, de aí a mala crítica recibida:

“No sabían cómo atacarme; pero mis producciones tenían éxito y a la prensa no le gustó esto nunca. Yo por mi parte me crecía e insultaba todavía más a mis enemigos. Pero mis películas, siempre adelante. La prensa nunca pudo predisponer al público en mi contra, pero con eso de la palabreja churro, me hicieron mucho daño1”.

No diario Excelsior atopamos outra crítica sobre Juan Orol no que se comenta como “Cualquier película de Juan Orol tiene un espíritu lúdico muy profundo, muy primitivo que hace partícipe al espectador de un juego en el que la única regla es pasarlo bien, sin más2”. Nun momento no que a industria cinematográfica mexicana está a ser un auténtico baluarte no contexto internacional, a comparativa con filmes serios e complexos minusvalorizou as cintas de Orol. Sinxelas e rídiculas non pola improdutividade creativa do director, a produción do director galego implicaba a intención de levar este tipo de cine á xente, facéndoa partícipe da mesma. Orol abandona a ortodoxia gramática visual, estrutura narrativa ou cánones que se impoñen para levar a cabo producións que chegaron a ser a posteriori consideradas como as dun “surrealista involuntario3”.

Os resultados foron un éxito en taquilla e o director tiña claro o esquema que seguir. Nunha entrevista, un periodista preguntoulle a Juan Orol como era posible que nunha balacera dunha das escenas trasncurrida dentro dun amplio ventanal, nin un só vidrio se rachara. A este feito, Orol respondería “¿Y qué? ¿Me iba a pagar usted los vidrios rotos? Y además, ¿cree usted que el público va a ver vidrios rotos al cine?”. Todo un persoeiro que aportou profundamente un formato alternativo á industria cinematográfica mexicana no momento do cine de ouro. O pragmatismo como arma de traballo, e uns resultados sorprendentes ao ser enfrontados co imaxinario popular mexicano.

Que mellor para pechar este artigo que unhas verbas que o propio Orol deixou, as cales consideramos que amosan precisamente os seus valores e a súa disciplina no mundo do cine: “Muestro los defectos de la humanidad para tratar de acabar con ellos, muestro los delitos y las penas para que sirvan de escarmiento, por eso castigo a los delincuentes de un modo atroz, de tal manera que el público no cometa el error de los personajes4”. Toda unha lección deste galego que soubo innovar e ser lembrado, afastándose dos cánones que a industria trataba de impor e creando unha conversa recíproca entre a película e o espectador. Unha interacción combinada cos exóticos toques importados da súa influencia americana, cubana e hispana que levou o cine a outra escena: a súa propia.

Escena do filme El reino de los gangsters (1947), dirixida e protagonizada por Juan Orol.

1Extraído de Berman, M. “Juan Orol. Vida y obra de un artista más allá de un análisis” Extensión (1990): 43-47.

2Ricalde, M. “Nocturno amor que te vas (1986): entre la mirada sociológica y el surrealismo” ITESM (2010): 170.

3Cfr. Vega Alfaro, E. El cine de Juan Orol. (México: Filmoteca de la UNAM, 1985)

4Vega Alfaro, E. op. cit. p. 57.

BIBLIOGRAFÍA

Ayala Blanco, J. La aventura del cine mexicano (México: ELA, 1968).

Berman, M. “Juan Orol. Vida y obra de un artista más allá de un análisis” Extensión (1990).

Bugallal, I “Juan Orol, el Ed Wood gallego” La opinión de A Coruña (26/08/2008) Dispoñible en:

https://www.laopinioncoruna.es/contraportada/2008/08/26/juan-orol-ed-wood-gallego/216117.html [Data de consulta: 6 de maio de 2019].

Ricalde, M. “Nocturno amor que te vas (1986): entre la mirada sociológica y el surrealismo” ITESM (2010).

Rodríguez, J. “Exiliados y republicanos en el cine latinoamericano de los 40” Quaderns de Vallençana, 3 (diciembre de 2009).

Vega Alfaro, E. El cine de Juan Orol. (México: Filmoteca de la UNAM, 1985)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *